A irrupción do sindicato SEPGA nas recentes eleccións sindicais do persoal funcionario foi unha sorpresa. Nunca antes se mirara votar a tanto subdirector/a xeral, secretario/a territorial, xefe/a territorial, xefe/a de servizo.. Houbo ata quen, pola falta de costume a votar, andaba un pouco perdido.

Consecuencia do resultado, vamos ter unha curiosa representación sindical dos funcionarios e funcionarias, nalgúns casos bipolar. Vai un exemplo:

Fai tan só dous meses, o 18 de febreiro, asistimos a unha xuntanza para negociar a RPT do IET. En representación da Administración estaban Pablo Alejandro Amenedo Bermúdez, director do Departamento de Xestión Xurídico-Administrativo, nivel 30 (subdirector xeral), e Mª Elena Nimo Mayo, xefa de servizo de xestión, nivel 28. O día 4 de marzo tivemos unha segunda xuntanza, e en representación da Administración repetiron estas dúas persoas.

O día 11 de abril eran as eleccións sindicais do persoal funcionario, e presentábanse un e outra: Pablo Alejandro, número 1, e Mª Elena, número 21 da candidatura de SEPGA.

Pablo Alejandro, director de Departamento con rango de subdirector xeral, suma agora unha nova faciana: ser representante sindical dos funcionarios e funcionarias como membro da Xunta de Persoal de Servizos Centrais.

Nas seguintes negociacións que haxa, participará como Administración ou como representante sindical? É legal e moral que se sente nunha mesa de negociación? Que influencia da “ideoloxía” dese sindicato está xa metida na proposta de RPT que nos presentou a Administración?

Van defender pola mañá como representantes da Administración os recortes de dereitos aos funcionarios (incluídos os do A1), e pola tarde, darse golpes no peito en defensa dos mesmos?

Está claro que non van defender nin ás persoas do subgrupo A1, nin a ningúen, senón aos intereses da Administración e aos do lobby de subdirectores xerais.