A CIG quere denunciar a situación que están a sufrir os/as traballadores/as da Consellería de Política Social na Xunta de Galiza, situación que incide directamente no deterioro evidente dos servizo públicos de benestar.

Dende o ano 2012, a Xunta de Galiza do Partido Popular de Feijoo o único ao que se adicou, con respecto ao persoal ao seu servizo, foi a eliminación dos dereitos de traballadoras e traballadores.

Esta situación, que se resume na eliminación de cuestións básicas para o persoal como é o librar dous días seguidos á semana, librar fins de semanas alternos, compensar con descanso o traballo en festivos e domingos, conciliar a vida laboral e familiar (por sistema a Consellería de Política Social denega todas as conciliacións que se solicitan), etc.... resúmese en que cada vez menos persoal de asistencia directa (ATS/DUE, Aux. Clínica) queira traballar na consellería e se vaian a traballar ao SERGAS, con mellores condicións, tanto económicas como laborais.

Chega o despropósito de Política Social a extremos tan grandes que o subdirector de persoal permítese o luxo de dicir: "que diferenza existe entre traballar a noite do día 31 de decembro e outro día calquera?, eu non a atopo" (sic).

Pois ben, esta política de persoal que leva a ter unha porcentaxe de interinidade de máis do 50%, conleva que os centros, a día de hoxe, estean a servizos mínimos, as traballadoras sobresaturadas de traballo e os índices de accidentes de traballo e baixas por enfermidade profesional en rateos nunca vistos. Na consellería de política social é na que máis accidentes de traballo e enfermidades profesionais hai en toda a Xunta de Galiza, incluído o servizo de defensa contra incendios forestais.

Esta situación leva a que, por exemplo, nas listas contratación de ATS/DUE non exista apenas persoas que queiran traballar para a Consellería de Política Social:

  • A Coruña: 43 persoas apuntadas ás listas = 1 persoa disposta a traballar
  • Lugo: 22 persoas apuntadas ás listas = 1 persoa disposta a traballar
  • Ourense: 15 persoas apuntadas ás listas = 0 persoa disposta a traballar
  • Pontevedra: 38 persoas apuntadas ás listas = 2 persoa disposta a traballar

Esta é a situación real a día de hoxe na Consellería de Política Social, situación que leva a que se estean a denegar permisos e vacacións ao persoal coa escusa de que non hai persoal para cubrir as prazas. QUEN VAI A QUERER TRABALLAR NESTA CONSELLERÍA COAS CONDICIÓNS DE EXPLOTACIÓN QUE TEMOS?

Todo isto coa compracencia cómplice de CC.OO e UGT que asinan acordos totalmente lesivos para o persoal e que por riba se permiten o luxo de afirmar que todo está arreglado, estará, pero o persoal segue a mínimos.

Dende a CIG esiximos a inmediata recuperación de todos os dereitos roubados ao persoal durante os derradeiros anos de goberno do Partido Popular de Feijoo. Dende a CIG esiximos a inmediata destitución ou cese do Subdirector de Persoal da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, Eduardo Mato, xa que a súa incompetencia e prepotencia levounos a esta situación, a día de hoxe insostible.