A CIG trasladoulle a pregunta ao director xeral de Función Pública.

Miles de funcionarios/as que concorren á promoción interna non saben a día de hoxe cando se celebrarán os segundos exercicios deses procesos selectivos. Nen sequera unha data aproximada.

Tendo en conta que agora comeza un período vacacional, e co fin de conciliar a vida laboral e familiar, saber si se celebrarán as probas no verán, antes ou despois, parece de sentido común, e non parece correcto que, a diferenza doutras Administracións as persoas funcionarias da Xunta que concorren a estes procesos non saiban se se van poder desprazar durante o período vacacional, se collen antes ou despois as vacacións para aproveitalas como período de estudo, ou simplemente como van xestionar o seu tempo en función dunha data que todos/as deberíamos coñecer xa.

O mesmo ocorre co resto de procesos, tanto de escalas como de corpos especiais e de persoal laboral, tanto na promoción interna como no acceso libre. Non se pode presumir de Administración moderna e eficaz, e de que se respectan os dereitos de conciliación e ter a miles de persoas consumindo o seu tempo e os seus cartos sen darlles resposta.

A maiores diso tamén preguntamos polo misterio dos listados de aprobados desaparecidos. Hai meses desapareceron da páxina de Función Pública os listados coas notas dos primeiros exercicios da promoción interna anterior (OEP 2012). Solicitamos que se colgue de novo a infomación e que en ocasións vindeiras non se retire nada da páxina, e máis cando por seguridade xurídica os opositores deberían coñecer en todo o momento as notas de todo aquel que teña superado os exames e teña a exención para non realizar os exames.