A Xunta de Persoal de Pontevedra ten coñecemento de que as dependencias do Servizo Territorial do FOGGA, e do Servizo de Consumo (IGCC), actualmente na rúa Paseo de Cervantes de Pontevedra, van ser trasladadas ao Edificio Administrativo da Xunta en Campolongo, Pontevedra.

Estes movementos das instalacións de FOGGA e IGCC estarían a ser executadas sen ningún tipo do notificación, información ou audiencia á Xunta de Persoal, polo que este órgano de representación do persoal funcionario da Xunta na Provincia de Pontevedra ven de dirixir escrito ás respectivas xefaturas territoriais instándolles a que no caso de que efectivamente se estea a estudar o traslado das citadas dependencias, procedan a trasladar a información necesaria á Xunta de Persoal e exercer así as súas competencias.

O Estatuto Básico do Empregado Público, establece no seu artigo 40.1. b) que as xuntas de persoal terán as seguintes funcións nos seus respectivos ámbitos: b) Emitir informe, por solicitude da Administración pública correspondente, sobre o traslado total ou parcial das instalacións e a implantación ou revisión dos seus sistemas de organización e métodos de traballo. Do mesmo xeito, esta atribución das xuntas de persoal, é recollida literalmente no artigo 157.1.b) da Lei do emprego público de Galicia.