Nin é unha broma pesada nin un acto de contrición; é ter a cara máis dura que o cemento.

CCOO difunde un folleto onde solicita a ampliación e mellora do Acordo de concertación social baixo as seguintes premisas:

  • Que se modifique o acordo de carreira profesional para que entren “...aqueloutros empregados públicos que non posúan a condición de funcionarios de carreira...”
  • Que se unifique o período de carencia para cobrar os graos I e II de todos os subgrupos en 2 anos para o grao I e 3 para o II.
  • Que se negocien aspectos como o Fondo de Acción Social, a recuperación do artigo 19 do Convenio Colectivo, etc.

E isto o dín como se o Acordo de concertación social e o da carreira profesional os deixara caer o Espírito Santo na Administración da Xunta, ou como si estivese escrito nas Táboas da Lei. En definitiva como se neses acordos non houbese intervención humana e a carreira profesional chegase por intervención divina.

Pois non. A exclusión do persoal interino, temporal e indefinido e que os períodos de carencia fosen aumentados para o persoal dos subgrupos A1 e A2, é obra da vontade humana. É obra de CCOO, UGT e a Xunta de Galiza.

Foron precisamente estes elementos uns dos que a CIG denunciou como inxustos durante todo o proceso negociador e os que nos levaron a recorrer eses acordos. E foi a recuperación do FAS e a recuperación do artigo 19 do Convenio Colectivo uns dos aspectos que se negaron a introducir na negociación. 

CCOO quixo excluir a ese persoal e quixo que os subgrupos A1 e A2 tardaran máis en cobrar o 100% da carreira. Así o escribiron con cicel no acordo, así o aprobaron na Comisión de Persoal e así o asinaron.

Querer facer penitencia agora que a CIG o ten recorrido no TSXG non é máis que o éxodo dunha traxedia grega onde o heroe da conta dos seus erros e mezquindades.

E como en case todas as traxedias, o remate é a morte, neste caso sindical, dos corifeos da Xunta. A Nemesis caerá sobre eles.