Dende a Sección Sindical da CIG do Persoal Laboral de Servizos Centrais vémonos na situación de ter que aclarar publicamente as acusacións dos representantes da CUT e do CSIF respecto do resto de sindicatos de que non asistimos ás xuntanzas e non miramos polo persoal ao que representamos, ao tempo que amosar o noso malestar pola mala fe coa que están a actuar estes dous sindicatos no noso Comité de Empresa dos Servizos Centrais da Xunta.

Dende as últimas eleccións sindicais do mes de decembro o CSIF e a CUT teñen un acordo para levar a Presidencia e a Secretaría respectivamente. E o seu primeiro cometido non é outro que o ataque e derribo dos-as demais integrantes do Comité de Empresa, precisamente amparándose nas funcións que lles outorga o regulamento do Comité.

Como encargados-as de convocar os órganos de funcionamento do Comité, non ben bota a andar o recén elexido Comité de Empresa que xa teñen adoptada a estratexia para poder vender que só eles-as traballan na defensa dos intereses do persoal: non convocar en tempo e forma as xuntanzas mensuais da Comisión Permanente, con representación de cada unha das organizacións presentes no Comité de Empresa (CIG, CCOO, UGT, ACIVRO, CUT e CSIF). Desa maneira, non nos está sendo posible asistir a boa parte dos integrantes de dita comisión.

Na terceira reunión da Comisión Permanente, o 27 de maio pasado, só asistiron ACIVRO, CSIF e CUT, simplemente porque o resto de delegadas-os non fomos convocados ese día ao lugar e hora da xuntanza. Así CSIF e CUT pretenden acomodar o funcionamento do Comité aos seus propios intereses ao tempo que nos acusan aos demáis de irresponsabilidade por non acudir a unhas reunións ás que formalmente non estamos a ser convocados.