Na Comisión de Persoal do 17 de xuño de 2019 aprobáronse as RPTs de Medio Ambiente, IGVS e GAIN. A maiores diso, CIG fixo varias preguntas:

Modificación RPT Medio Ambiente: Aprobada cos votos en contra de CIG e CSIF e a abstención de CCOO e UGT.

Modificación RPT IGVS: Aprobada co voto en contra de CIG, a favor de CSIF e a abstención de CCOO e UGT.

Modificación RPT GAIN: Antes de proceder á votación, informa o DXFP que a negociación do cadro de persoal do persoal non integrado será no prazo máximo de 15 días para quedar aprobado antes das vacacións do mes de agosto. En relación á RPT da GAIN, a CIG denuncia de novo que FP pretende aprobala sen ter previamente modificado o decreto de estrutura. Segundo expón o representante da consellería, o decreto de estrutura e a RPT levarana ao Consello Reitor da GAIN o 25 de xuño para ser aprobados ambos antes da publicación no DOG. CIG en contra, CSIF a favor, CCOO e UGT abstención.

E en rogos e preguntas:

Xubilación parcial: CIG lembra que no BOE do 17 de maio vén de publicarse o IV convenio colectivo do persoal laboral da Administración Xeral do Estado no que se contempla a xubilación parcial a partires do 1 de xaneiro de 2021, polo que CIG solicita unha vez máis un acordo de xubilación parcial para o persoal da Xunta de Galiza. FP resposta que as condicións actuais da xubilación parcial mudaron, que queren pechar as negociacións actualmente abertas antes de meterse con nada da xubilación parcial, que o mirarán e que non teñen inconvinte ningún en que o persoal que cumpra os requisitos que marca actualmente a lexislación da Seguridade Social solicite xa a xubilación parcial.

Horario de verán nos centros de Cultura: CIG pregunta se Cultura vai sacar unha nota informativa sobre o horario de verán nos centros de Cultura (arquivos, bibliotecas e museos) similar á do ano pasado. O representante de Cultura di que xa a enviaron ás xefaturas territoriais o pasado venres.

Actas da Comisión de Persoal e Mesa Xeral: CIG solicita o envío das actas aprobadas e asinadas da Comisión de Persoal e Mesa Xeral de Empregados Públicos, ou a súa publicación na web de Función Pública como se ten feito no pasado. O DXFP di que mirarán de envialas e estudarán o da publicación na web.

Nos vindeiros días traerán a negociación unha lei de creación de escalas para alegacións.