O órgano de representación sindical do persoal funcionario da Xunta na provincia de Pontevedra tratou os seguintes asuntos.

Comisións de servizo: Acordamos dirixir escrito a Función Pública solicitando: 1) Non conceder máis prórrogas ilegais; 2) Negociar criterios obxectivos coa representación sindical.

Escola infantil de Vigo: Para o acceso á escola infantil, a Xunta leva anos puntuando ao persoal da Autoridade Portuaria nas mesmas condicións que o persoal de servizos do Edificio, por unha decisión unilateral, sen negociación nin consulta ás organizacións sindicais. A situación actual é que o espazo é insuficiente, sen posibilidade de ampliación. Así que a Xunta de Persoal acordou propoñer a reubicación da escola nas instalacións da Autoridade Portuaria.

Escola infantil de Pontevedra: Constatamos que tamén existe problemas de espazo, polo que acordamos solicitar unha xuntanza para falar do asunto.

Oficina Agraria de Lalín: A situación de severas deficiencias das instalacións é ben coñecida dende fai anos. A Xunta xa ten alugado un novo local dende decembro, pero non da arrancado o traslado. A Xunta de Persoal insta a realizar xa o traslado.

Formación gardacostas: Esiximos que a formación obrigatoria para poder enrolarse, se faga en tempo de traballo e cos gastos a cargo da empresa.

Portas de acceso á torre 2 do edificio de Vigo: Solicitamos que se adapten para que cumpran a normativa de prevención de riscos e de acceso a persoas con mobilidade reducida.

Centro de Salcedo (Medio Rural): Reprodúcese un problema de fai máis dunha década: a auga da billa non é potable. E non se lle ocorre outra á consellería que retirar os bidóns de auga. Acordamos presentar unha queixa ante a xefatura territorial demandando que corrixan as deficiencias.

Respecto do resumo que difundiu CCOO dos asuntos tratados na Xunta de Persoal, queremos corrixir un erro: a referencia que fan eles ao "Centro de Salceda de Caselas", é en realidade ao "Centro de Salcedo". Trátase dun erro sen importancia, motivado seguramente polo descoñecemento de CCOO dos asuntos tratados na Xunta de Persoal (polo resumo que fixeron apúntanse o tanto, pero a realidade é que CCOO non fixo ningunha proposta nin levou ningún asunto á Xunta de Persoal).