A recente entrada en vigor do DECRETO 60/2019, do 23 de maio, modificou a puntuación do artigo 9.Baremo do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios/as e á contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza.

Ao abeiro desa modificación, a Administracion mudou con carácter retroactivo a actualización definitiva de méritos correspondente ao ano 2018.

Dende a CIG consideramos que non é conforme a dereito o criterio adoptado pola Administración de modificar unilateralmente e con carácter retroactivo a actualización definitiva de méritos correspondente ao ano 2018. Entendemos que aínda que se modificase o baremo ata o de agora establecido, tal mudanza non pode afectar aos actos e decisións anteriores ao 11 de xuño do 2019, data da entrada en vigor do novo Decreto 60/2019, e por tanto o baremo de puntuación instituído por medio deste último Decreto entendemos que non é aplicábel para avaliar os servizos prestados no ano 2018.

A CIG dispón dun modelo de recurso de alzada, polo que todas as persoas interesadas en presentalo poden contactar coa CIG.