Segue e segue coas encomendas de xestión a Tragsatec do traballo técnico de arqueoloxía

Está claro que na Consellería de Cultura non queren ao persoal funcionario, non valoran o traballo dos técnicos e incluso non cumplen as leis de patrimonio nin de protección de datos. Xa é a terceira vez que asinan unha encomenda de xestión coa empresa Tragsatec, e a terceira vez que a CIG o denuncia.

O pasado luns día 15 publicaban no DOG a nova encomenda para o segundo semestre do ano, por valor de 160.000 euros, co fin de externalizar os informes técnicos de arqueoloxía das obras en entornos de protección cultural, nomeadamente os Camiños de Santiago.

Tanto Xacobeo e non hai diñeiro para crear as prazas necesarias na consellería, e iso que o conselleiro é licenciado en Historia, nin sequera sabe coidar dos seus.

Recordemos que a CIG ten denunciado na Axencia de Protección de Datos a saída descontrolada de expedientes dos edificios administrativos da Xunta para ser revisados por persoas que non son funcionarias. É máis, Tragsatec non conta con persoal arqueólogo propio e remite a contratación a páxinas web de traballo temporal como é Infojobs.

Para mais escándalo, o pasado martes día 16 fíxose a reunión negociadora para a aprobación da RPT de Cultura e só crean 2 prazas de arqueólogo (fan falla entorno a 8) e por riba son os únicos técnicos da consellería que seguen en nivel base.

O persoal funcionario xa non ten amigos que turren deles, nin mesmo o novo Secretario Xeral (antigo cargo de AGRUPA; os pata negra da administración) é quen de tirar dos funcionarios A1.

Nos xulgados teremos que vernos, pero xa non vai chegar o contencioso, senón haberá que ir á fiscalía pois entendemos que é un malgasto de cartos públicos, contravén a protección de datos, os informes son feitos á carta e con presa, e como punto final é unha fraude aos centos de arqueólogos que están na lista de contratación.