O día 12 de agosto de 2019 os delegados da CIG acompañamos ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais na visita para realización da avaliación de riscos laborais do centro de traballo da Xefatura territorial de Sanidade en Avda. de Zamora, 13, Ourense. A maioría do persoal está de vacacións polo que non é posible realizar unha correcta identificación de riscos laborais no que participe o persoal de traballador nin se recollen as enquisas suficientes para que sexan representativas.

Este edificio ten problemas de temperaturas extremas que non foron medidas pola data e hora na que se realizou a visita (ese día foi inusualmente fresco para ser agosto). Os problemas que refire o persoal son a calor excesiva no verán (piso superior, zonas acristaladas e pechadas) e o frío no inverno en case todo o edificio pola súa distribución e tiro de aire do oco central que provoca escape da calor e correntes de aire.

Esta visita foi de revisión da avaliación de riscos existente, pero descoñecemos si se aplicaron as medidas previstas no anterior documento, sobre todo as previstas para a evacuación do edificio no caso dunha emerxencia xa que a sinalización hoxe é moi deficiente. O persoal tampouco é coñecedor desta anterior avaliación de riscos do seu posto de traballo.

Atopamos moitos problemas para a seguridade do persoal que requiren urxente reparación. Rexistramos varios escritos dirixidos a xefatura coma ao servizo de prevencións de riscos esixindo solución a todos os problemas atopados.

Unha vez máis, desde a CIG denunciamos que, mentres no resto de provincias a Xunta conta cun centro administrativo único, en Ourense existen máis de 20 centros administrativos espallados pola cidade. Todos con moitas deficiencias e carencias: locais sen luz natural, problemas de climatización, falta de espazo, humidades, vertidos, síndrome de edificio enfermo, sen medidas de emerxencia, con problemas de radon... Edificios que ademais incumpren a lei de accesibilidade universal.

Reclamamos un edificio novo, operativo e funcional que remate co agravio comparativo respecto as outras provincias. Os delegados da CIG en Ourense continuamos na loita para defender os dereitos dos traballadores e protexer a súa saúde.