Dende a CIG vimos de rexistrar escrito para que a Xunta de Galiza execute as recomendacións técnicas do grupo de expertos de apoio á comisión do Parlamento de Galiza sobre incendios forestais, que suporía o pago pola súa parte da cotización adicional regulamentada para que se apliquen os coeficientes redutores aos bombeiros forestais do SPIF.

Nos últimos anos adicamos moito esforzo á consecución do recoñecemento da categoría profesional 5932 Bombeiro forestal. Isto non foi casualidade, nós sempre fomos conscientes da importancia que este feito tiña e podía ter para o futuro do persoal do SPIF. Unha vez que se acadou este recoñecemento no ano 2016 e incorporada xa a nova categoría á RPT da Consellería do Medio Rural, seguimos a traballar para que se desenvolvan os beneficios do recoñecemento desta categoría profesional.

Así, nestes días, o informe do grupo de expertos referido, ven de darnos a razón ao concluír no documento de respostas no seu apartado IV, que se apliquen os coeficientes redutores correspondentes aos Bombeiros Forestais do SPIF, baseándose no real decreto 383 /2008, do 14 de marzo, polo que se establece o coeficiente redutor da idade de xubilación en favor dos bombeiros ao servizo das administracións e organismos públicos. Este foi o decreto que sempre defendemos dende a CIG que debía aplicarse -para bombeiros profesionais do sector público, xa que é de aplicación directa-, fronte ao defendido polas outras centrais sindicais - R.D 1698/2011- , que ralentizaría a aplicación dos coeficientes redutores xa que precisa un estudo especifico previo para o colectivo

Pero non hai que esquecer, que o recoñecemento da categoría profesional 5932 bombeiro forestal supón outra serie de vantaxes engadidas nas que continuamos a traballar ata que academos a súa aplicación:

  1. A formación vinculada á categoría de bombeiro forestal suporía unha maior versatilidade e incremento da eficacia do dispositivo, o que acarrearía unha maior profesionalización e estabilidade laboral.
  2. Enfermidades profesionais. A día de hoxe non se están a aplicar as enfermidades profesionais para os bombeiros forestais do SPIF, aínda que xa están recollidas na normativa estatal e nunha guía de valoración da Seguridade Social, e a pesares de que non suporía un incremento para a Xunta de Galicia no pago que efectúa á Seguridade Social pola aplicación das enfermidades profesionais.

Dende a CIG seguiremos loitando para lograr que o SPIF sexa unha servizo de multiemerxencia no medio natural e rural, profesional e estable e cunhas condicións laborais axeitadas á categoría profesional recoñecida.