A CIG defende que todo o persoal teña carreira profesional

O xoves 19 de setembro suspendeuse o xuízo previsto no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza pola demanda de Conflito Colectivo de CSIF e CIG (adherímonos) contra o acordo de carreira profesional asinado por CCOO e UXT coa Xunta de Galiza xa que outros sindicatos sen representación solicitaron personarse.

O Conflito Colectivo é unha vía xudicial do “social” que só afecta ao persoal laboral. A maiores, a CIG ten interposta outra demanda, tamén no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, pola vía do contencioso-administrativo que si afecta a todo o persoal, funcionario e laboral. Esta demanda, que non se limita á carreira profesional senón ao conxunto do Acordo de concertación, tardará máis en ser xulgada.

Visita a nova do 28/03/2019 da nosa web: "O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza admite a trámite o recurso contencioso-administrativo presentado pola CIG contra a Orde do Acordo de Concertación do Emprego Público de Galiza pactado pola Consellería de Facenda e os sindicatos CCOO e UGT"

O compromiso da CIG coa denuncia dos factores discriminatorios e coaccionadores da carreira profesional é total. Por iso interpuxemos con celeridade un Recurso contencioso administrativo contra a Orde do 28 de marzo de 2019 pola que se publica o Acordo entre a Xunta de Galiza e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT para a implantación do réxime extraordinario de acceso ao grao I do sistema de carreira profesional. Por esta vía posibilitase incluír ao persoal funcionario interino (excluído do ámbito do conflito colectivo), ao persoal laboral temporal, interino, persoal laboral indefinido non fixo e ao persoal laboral fixo que non desexe funcionarizarse pola perda de dereitos que supón.

Na CIG seguimos co noso compromiso de loita contra os aspectos nocivos do Acordo de concertación do emprego público de Galiza e combatemos os recortes sen renuncias.