CCOO informa que para o ano 2020 as retribucións das persoas empregadas públicas van subir un 3% grazas ao acordo de mellora de emprego asinado por CCOO, UGT e CSIF en Madrid no 2018.

Non contan que o único comprometido nese acordo é unha suba do 2% e que para chegar ao 3% hai un condicionante que é que o PIB medre un 2,5%.

Como xa vos contamos nesta nova de marzo de 2018, cando asinaron o acordo de concertación xa sabían que era moi improbable que o incremento do PIB fose do 2,5%, porque as previsións do Banco de España en decembro de 2017 o situaban nun 2,1%.

As últimas previsións do Banco de España en setembro do 2019 son que o PIB deste ano vai estar no 2%.

No acordo de Madrid que asinaron CCOO, UGT e CSIF, se desindexaban os salarios do IPC e se vinculaban ao crecemento económico segundo o que subíra o PIB do ano anterior.

Pois ben, cun incremento do PIB do 2% a cantidade variable a cobrar é CERO. Polo que en vez do anunciado 3% de CCOO o que nos subirán os salarios será so dun 2%. Un gran negocio para os asinantes do Acordo, pero un mal negocio para as persoas empregadas públicas.