Dende a CIG levamos moito tempo loitando polo recoñecemento da categoría profesional de Bombeiro/a forestal e por converter ao SPIF nun servizo de emerxencias versátil para o medio natural e rural, sen perder de vista a prevención coma unha función básica dun servizo de bombeiros forestais.

Os piares sobre os que se asentou a acción da CIG todo este tempo son a formación, operatividade e estabilidade laboral vinculada á atemporalidade dun servizo de emerxencias.

Tamén fomos pioneiros na loita polas certificacións profesionais, mediante numerosas iniciativas parlamentarias, dando coma resultado que moitos compañeiros/as acadasen a cualificación profesional específica do noso colectivo, cuestión fundamental de cara ao futuro do SPIF.

Na CIG somos conscientes das vantaxes que ten o recoñecemento da categoría profesional de Bombeiro/a forestal (entre elas a aplicación de coeficientes redutores da idade de xubilación) e apostamos enerxicamente polo seu recoñecemento. Agora, un documento do INSS recibido por un traballador do servizo (logo de solicitude feita pola CIG), ven a darnos a razón xa que recoñece que sería aplicable unha bonificación de tempo sobre a idade legal da xubilación por desenvolver a actividade de Bombeiro/a forestal. Porén, a nosa loita ainda non rematou, agora temos que seguir avanzando cara á aplicación dos coeficientes redutores coa maior amplitude posíbel.

Coa CIG continuamos traballando para que o SPIF siga a camiñar cara ao ámbito da multiemerxencia non só legalmente senón tamén coma unha realidade operativa que vai dar un mellor servizo público aos galegos e galegas.