A dirección xeral de Función Pública e a secretaría xeral de Igualdade pretenden sacar un documento ás présas saltándose os requisitos que marca a lei para a súa elaboración.

Xa van 12 anos da entrada en vigor da Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, a Xunta de Galiza segue sen Plan de Igualdade para o seu persoal, a pesar de ser obrigatorio para as empresas e entidades de máis de 250 traballadores.

Arredor de 20.000 persoas empregadas públicas da administración xeral da Xunta de Galiza estarían acollidas por este plan, deixando nunha situación incerta ao persoal de entidades como o IGAPE, o Consorcio, Itmar ou Portos de Galicia, entre outros, xa que a Xunta manifesta que non ten intención de incluílos.

Dende a CIG levamos tempo esixindo a realización do Plan de Igualdade, que é unha ferramenta importantísima para garantir que non haxa discriminacións nin diferenzas salariais, para superar a infrarrepresentación feminina en alguns colectivos, e para facilitar a conciliación laboral, persoal e familiar. Porén, a Xunta de Galiza, que ata o de agora tivo unha actitude de desleixo absoluto, pretende agora un Plan exprés porque se lle vén enriba o prazo marcado polo Real Decreto-lei 6/2019, de 1 de marzo, de medidas urxentes para a garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e na ocupación, co que debería estar implantado o plan en marzo do 2020.

Así, a Xunta Galiza convoca o día 19 de setembro de 2019 ás organizacións sindicais a unha “Presentación da fase de diagnose” sen sequera aplicar as ferramentas que obriga a lei para a elaboración do Plan de Igualdade, como é a constitución previa da comisión negociadora do plan, comisión que dá por constituída e inventa 4 días despois, unicamente para salvar o requisito da lei, e que constitúe unha comisión negociadora desigual, non paritaria, cunha sobrerrepresentación por parte da Administración, e cuxa presidencia e secretaría se autooutorga para si mesma.

Dende a CIG vimos de presentar escritos perante a Xunta denunciando esta situación e esperamos que dea un xiro de cara a conseguir un bo Plan de Igualdade para todo o persoal e que non sexa só papel mollado.