Na xuntanza “técnica” do martes 1 de outubro para tratar o buzón de postos non se pecharon os asuntos. A convocatoria continúa pendente dos postos e dunha modificación da RPT de Educación que tiña que estar feita fai un ano.

Rematou a xuntanza coa “previsión” dunha nova xuntanza polo buzón de postos e o aviso de que o 16 de outubro (“ou á semana seguinte”) habería unha Mesa Xeral, co que a convocatoria estaría pendente de que a publicasen no DOG a finais de outubro.

Así que xa veremos se finalmente van publicar en outubro este concurso xeral que tiña que estar publicado en setembro do ano pasado.

Función Pública fainos aos sindicatos introducir as alegacións aos postos mediante unha aplicación informática, e resulta que por erro informático ou descoñecemento dalgunhas persoas da propia Función Pública, non accederon ás alegacións que mecanizamos (unicamente revisaron as presentadas en papel). Por tanto, a maioría das alegacións estaban sen atender. En consecuencia, van revisalo e convocaranos a unha nova xuntanza.

Din que non sempre teñen os datos ao día das prazas que quedan vacantes recentemente (excedencias, xubilacións, falecementos ..), pois as consellerías non actualizan os datos con dilixencia. Pois xa saben, que Función Pública se poña as pilas e llas poña a quen sexa responsábel de actualizar os datos. O que non é aceptable é que haxa prazas vacantes dende fai un mes e non aparezan para o concurso.

O director de Función Pública di que ten intención de ofertar todas as vacantes posibles. A CIG está conforme con este plantexamento. Isto é, que a CIG defende que sexan ofertadas en concurso todas as prazas vacantes sen exclusión agás aquelas que teñan algún tipo de impedimento legal ou xudicial que o impida. Incluímos aquí as prazas que as consellerías queren retirar por proposta de amortización (sabemos que moitas veces é un conto que ao final só serve para agochar prazas).

Aseguran que a nova aplicación que xestiona o concurso probárona no recente concurso de gardacostas e agás algún problema e axuste funcionou correctamente. A previsión que fan é que estaría resolto nun prazo de seis meses. Así que estamos a falar de pouco antes do verán do ano que ven.

En canto á elección de destino das persoas que aprobaron por promoción interna, proceso ao que non lle falta moito para rematar, aquí o problema é que non é o mesmo a situación en localidades como Vigo ou Ourense, nas que hai unha enorme demanda de prazas cunhas moi cativas posibilidades de ascender por concurso, e a situación en Servizos Centrais, por exemplo, onde hai moitas máis posibilidades por existir vacantes que non se cobren. Semella que en principio van escoller destino antes que se resolva o concurso, pero xa se verá segundo vaian as cousas.

Dos demais concursos pendentes non hai novidades. O último que temos é do 2 de agosto: a negociación do concurso de veterinarios sería en setembro/outubro (cousa que xa non vai ser) e o de especiais negociariase unha vez publicado o de veterinario. Os de outras escalas de xeral tampouco se sabe.

Por se alguén quere darlle voltas á cabeza coas súas posibilidades futuras: informa o DXFP que nos seguintes dous anos vamos ter unhas 1.300 xubilacións entre o persoal dependente de Función Pública.