A Cig-Administración Autonómica en Lugo quere dar a coñecer a tremenda irresponsabilidade dos sindicatos CCOO e CSIF no Comité de Empresa do Persoal Laboral da Xefatura Territorial en Lugo da Consellería de Educación.

O pasado 23 de maio celebráronse as eleccións para elixir a representación do persoal laboral da Consellería de Educación na provincia de Lugo. Os resultados deses comicios colocaron a CCOO e CSIF como primeiras forzas dese comité con 6 representantes cada organización, seguidos da CIG con 4 e UGT con 1 delegado/a.

Case 5 meses despois das eleccións, as dúas forzas máis votadas (CCOO e CSIF) seguen a descoidar as súas obrigas e a cumprir co que lles prometeron ao persoal que apostou por esas candidaturas.

Aínda que pareza inaudito, a día de hoxe, este comité non está nin constituído porque os sindicatos máis votados non convocaron pleno para a súa conformación oficial, ata o día de onte. 

Aínda que cinco meses é tempo máis ca suficiente para este trámite, non foi ata o día de onte (7 de outubro) cando se convocou ao resto de delegados/as para proceder á elección de presidente/a e secretario/a dese órgano. E, ante o asombro de todos/as os/as delegados/as, comprobamos que ningunha das listas máis votadas, presenta candidatura para a presidencia e a secretaría deste órgano, o que se traduce na
imposibilidade de constituír este comité de empresa.

A situación é tan alucinante, que os dous sindicatos maioritarios neste comité, paralizan o urxente traballo que se ten que realizar na defensa do persoal desta consellería, que precisa de respostas contundentes aos seus múltiples problemas.

É importante tamén, que todas e todos os compañeiros e compañeiras que confiaron nestas dúas candidaturas, saiban o que se fai co seu voto, xa que esta tremenda irresponsabilidade parece máis propia de facerlle o xogo á administración ca de defender os tantas veces desprezados e ignorados, dereitos do persoal laboral.