No día de onte celebrouse unha xuntanza coa Consellería do Medio Rural á que estabamos convocadas as organizacións sindicais  e numerosas asociacións (que aglutinaban a distintos sectores do persoal que traballa na prevención e extinción de incendios). Houbo dous “mantras” que o Conselleiro mencionou  na xuntanza:o SPIF ten que facer unha aposta clara pola prevención e que non se ían tratar nesa xuntanza cuestións laborais que tiveran que ser obxecto de negociación sindical. O fundamental que nos quixo comunicar era que pretendía contar co persoal do SPIF(coma un dos catro actores principais) para facer grupos de traballo para elaborar un documento base para o anteproxecto dunha nova Lei de prevención e extinción de incendios. 

Ademais fixo un breve balance da tempada de alto risco e anunciou que nos ía presentar dende a consellería un Plan plurianual de medios materiais e humanos (quinquenal). 

Na CIG, dixemos que unha vez que estudaramos  o Plan e a documentación aportariamos as achegas que consideraramos. Os compañeiros delegados fomos os primeiros na loita polos coeficientes redutores para a xubilación, tentando a  recuperación do artigo 19 do V Convenio (asinado pola CIG e UXT) , unha maior estabilidade no emprego... a través de numerosas iniciativas e por tódalas vías que temos ao noso dispor. Pero tamén consideramos que , hai que tratar tódalas cuestións que poidan influír directa ou indirectamente no devir do servizo público que proporcionamos e dun futuro para o monte galego. 

Na CIG defendemos sempre os intereses dos traballadores e traballadoras sexan funcionarias ou laborais, a súa profesionalización, estabilidade e formación, sen necesidade de deixar de lado tódalas aquelas cuestións que poidan afectar ao noso monte, ao noso rural e as súas xentes.