A sinatura do Acordo de Concertación entre CCOO, UGT e o goberno do PP ten implicacións tanto nos procesos selectivos que agora xa se están a negociar como os que veñen a continuación. Estás afectado/a tanto se pretendes presentarte por libre como se o que agardabas era o concurso, a promoción interna ou a superior categoría.

Temos enriba da mesa o borrador das bases de convocatoria aos procesos selectivos da escala de técnicos facultativos de servizos sociais (grupo A2), especialidades de traballo social, terapeuta ocupacional, enfermeiro/a e educador/a. Todas elas escalas de persoal funcionario que ata agora son categorías de persoal laboral (grupo II). Pero veñen detrás moitas máis, de todos os grupos.

A primeira consecuencia do que pactou a Xunta con CCOO e UGT é que non haberá concurso de traslados previo. Por tanto, o persoal fixo non vai poder moverse ás prazas vacantes antes da elección de destino do persoal de novo ingreso.

O vixente convenio establece que a promoción interna do persoal laboral ten que ser do 50% das prazas, e que calquera laboral fixo podía presentarse dende calquera grupo co único requisito de ter a titulación. Despois do Acordo de Concertación de Xunta, CCOO e UGT desaparecen os preceptos do convenio e a promoción interna neste caso vai ser do 22%, pero só se vai poder presentar o persoal laboral fixo das categorías de ATS, Educador, Terapeuta Ocupacional e Asistente Social. Todo o demais persoal laboral de calquera grupo e categoría que se esforzou en sacar a titulación, tirou o seu esforzo ao lixo.

Así como desaparece a promoción interna do persoal laboral fixo, o persoal funcionario de carreira de calquera das escalas do grupo C1 que teña a titulación si vai poder presentarse e competir polas prazas que se lle negan ao persoal laboral.

Acabouse o dereito a ocupar postos temporalmente como superior categoría. A elección de destino do persoal de novo ingreso xa será a postos clasificados de persoal funcionario, e unha vez que modifiquen as RPTs, desaparece o dereito á superior categoría recoñecido no convenio colectivo.

Crean unha nova desigualdade entre persoal laboral temporal/indefinido que participe no proceso selectivo: a puntuación da fase de concurso vai ser diferente entre persoas da mesma categoría dependendo de se presta servizos en centros e residencias de servizos sociais ou non.

Para a CIG a única solución a esta desfeita é que nesa suposta Oferta de Emprego extraordinaria que publicarán a finais do 2019, se modifiquen as ofertas anteriores de xeito que as prazas sexan convocadas como persoal laboral e previamente se convoque un concurso de traslados.

PROCESOS SELECTIVOS Á ESCALA DE SERVIZOS SOCIAIS

Foron moitas as persoas que contactaron coa CIG achegando alegacións aos procesos selectivos de traballo social, terapeuta ocupacional, enfermeiro/a e educador/a.

A maiores do xa exposto (problemas coa promoción interna ou as desigualdades na fase de concurso entre persoas en función de onde obtiveron a súa experiencia laboral), van algunhas ideas máis:

Titulación requirida: este foi o groso das alegacións que recibimos, pero temos que dicir que nos catro procesos que están en negociación, as titulacións son exactamente as que esixe a Lei 2/2015 do Emprego Público de Galiza (disposición adicional novena). Por tanto isto é algo que está fora de discusión, non se pode mudar (ten que ser unha modificación da Lei no Parlamento). Na parte que nos toca aos sindicatos dicir que o actual Goberno pasounos o rodillo sen darnos marxe de negociación. Polo menos esa foi a actitude que tiveron cos malos da CIG.

Escolas oficiais de formación: moita xente pedía que se clarificase nas convocatorias que se entende por estas escolas. A cousa é simple: son os equivalentes á EGAP e AGASP do estado e demais comunidades autónomas. En canto ás entidades formadoras, a CIG defende a inclusión doutras que faltan: universidades, Servizo Público Estatal de Emprego, Dirección Xeral de Formación e escolas oficiais de idiomas.

Temas: neste asunto é moi raro que os responsábeis políticos da Administración acepten modificar as propostas que xa traen mascadas, agás casos de erros. A CIG trasladou a FP a súa disposición a tratar polo miúdo o programa se está disposta a discutilo en serio, sen facer un paripé inutil de negociación. En todo caso defendemos a substitución de temas por normas de dereito, e de manter temas que a EGAP elabore manuais ou referencias bibliográficas.

Exercicios: a CIG defende a substitución das probas de desenvolvemento escrito por cuestionarios ou supostos prácticos tipo test, porque a corrección dunha proba escrita ten unha importante subxectividade que rexeitamos.

As alegacións da CIG ocupan catro páxinas para cada un dos procesos selectivos. Se queres coñecelas polo miudo contacta cos nosos delegados ou delegadas.