A CIG solicita ao conselleiro do Medio Rural e á Dirección Xeral de Defensa do Monte que implante os módulos formativos correspondentes á cualificación profesional SEA596_3 “Coordinador de operacións en incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural” e rural. Estes módulos formativos van dirixidos aos bombeiros/as forestais xefes/as de brigada, axentes forestais e persoal técnico, así coma  a todo o persoal do SPIF que xa obtivera o certificado do nivel 2 do SEA 595_2. 

Asemade, solicitamos que se retome o proceso negociador do Plan de Formación Plurianual coa Dirección Xeral de Defensa do Monte, que leva parado dende o 15 de marzo de 2019, e sobre o que xa manifestamos en numerosas ocasións que a vía a seguir é a formación correspondente á cualificación profesional SEA595_2 coma formación básica para o persoal do SPIF. 

Dende a CIG loitamos e facemos unha aposta clara porque o persoal do SPIF reciba a formación axeitada ao seu encadramento normativo coma servizo de emerxencias no medio natural e rural. Porén, a Xunta segue sen dar a formación demandada aos traballadores e traballadoras que loitan por estar certificados profesionalmente nas súas competencias. 

Así os compañeiros e compañeiras da CIG estamos permanentemente facendo iniciativas para obter a mellor formación posíbel e por iso fixemos tamén, hai uns días, unha solicitude dirixida á Academia Galega de Seguridade Pública para que, como organismo competente para a formación dos traballadores do SPIF, convocara os módulos formativos correspondentes ás cualificacións profesionais SEA595_2 e SEA596_3 (da rama profesional de Seguridade e Medio Ambiente).

Dende a CIG seguimos traballando pola formación de calidade como piar básico para lograr que o SPIF sexa un servizo público profesional, versátil, eficaz, estable e seguro.