A disposición transitoria 10ª da Lei xeral da Seguridade Social establece o acceso á xubilación parcial anticipada para o persoal laboral que reúna os requisitos de idade, anos de cotización e a celebración simultánea dun contrato de remuda. Para este ano, 2019, xa poderían obter o dereito a este sistema de xubilación aqueles traballadores cunha idade de 61 anos e 8 meses e unha carreira de cotización de 34 anos e 9 meses.

Con esta disposición normativa plenamente en vigor, o pasado mes de febreiro a CIG elevou ao director xeral da Función Pública unha proposta para a celebración dun acordo co Comité Intercentros do persoal laboral, que facilitase este tipo de xubilación de acordo co establecido no art. 215.2 e na disposición transitoria 10ª da referida Lei da Seg. Social. Non houbo resposta formal.

Sen embargo, aproveitando a celebración das mesas xerais de negociación, insistimos neste dereito do persoal laboral e o director manifestou reiteradamente que Función Pública non poría atrancos e promovería a celebración dos consecuentes contratos de remuda; máis aínda, dixo que xa tiña suficiente penalización -de cotización- o que pretendese xubilarse parcialmente e que non sería Función Pública a que imposibilitase este dereito.

A CIG, coñecedora da existencia dos primeiros laborais que xa instaron a súa pretensión de xubilarse parcialmente, constatou que estas comunicacións están paralizadas diante da ausencia de instrucións de Función Pública. A pesares do compromiso expreso do seu director, Función Pública nun alarde de cinismo manifesta o seu incumprimento en aras dun acordo que tamén implique ao persoal funcionario.

As competencias lexislativas reguladoras do acceso á xubilación en calquera das súas formas é do Parlamento do Estado Español e as de desenvolvemento executivo, vía regulamentos, tenas o goberno de Madrid. Nin Xunta nin Parlamento Galego teñen estas competencias.

Polo tanto Función Pública non ten escusa de ningún tipo para o impedimento do acceso á xubilación parcial anticipada do persoal laboral que reúna os requisitos exixidos pola Lei da Seg. Social.

Función Pública encheuse a boca de grandilocuencia cando no acordo de concertación social para o emprego público de Galiza propón instar do Estado a prórroga do acordo para o acceso á xubilación parcial e contrato de remuda asinado o 27/03/2013 e que rematou o 31/12/2018.

O cinismo de Función Pública non ten límite. Non cumpre o seu compromiso de aplicar a lexislación vixente e pretendía lexislar no Estado Español un acceso á xubilación parcial anticipado menos restritivo que culminou o 31/12/2018 unha vez que rematou a transitoriedade da Lei derrogada polas reformas laborais e de seguridade social do goberno do Sr. Rajoy.

Exiximos de Función Pública o cumprimento estrito dos seus compromisos de aplicar a Lei da Seguridade Social no canto do acceso á xubilación parcial anticipada coa celebración do necesario contrato de remuda. No mesmo xeito, tamén lle pedimos que promova no Parlamento español o acceso á xubilación parcial anticipada do persoal funcionario.