Están enriba da mesa as bases de convocatorias de bióloxía, veterinario/a e diversas especialidades da escala de servizos sociais (médico/a, psicólogo/a, enfermeiro/a, fisioterapeuta, traballo social, terapeuta ocupacional e educador/a). Tamén van as equivalentes de persoal laboral.

Tivemos unha primeira xuntanza co director xeral de Función Pública (venres 25) e algúns deses procesos pasaron por Mexa Xeral (martes 29); está convocada Mesa Xeral e Comisión de Persoal para o martes 5/11/2019. Faltará o acordo en Consello da Xunta e DOG.

Haberá duas convocatorias diferentes por cada especialidade, unha para os postos de persoal funcionario, e outra para os postos de persoal laboral. Os exercicios serán o mesmo día. As convocatorias de persoal funcionario suman as prazas de acceso libre, promoción interna, estabilización de persoal funcionario interino e persoal laboral indefinido non fixo en posto de funcionario. As convocatorias de consolidación de persoal laboral son prazas de persoal laboral indefinido non fixo en posto de persoal laboral.

Formación: queremos que inclúan os cursos de formación das universidades, servizo estatal de emprego, dirección xeral de formación e escolas de idiomas. Quedaron en estudalo pero non vemos cambios.

Experiencia para acceso libre: non aceptamos que dúas persoas que traballaron na mesma categoría profesional na Xunta poidan ter diferente puntuación dependendo da consellería na que traballou. O director de Función Pública comprometeuse a buscar unha nova redacción para evitar esta desigualdade, pero nas bases que enviaron para a Comisión de Persoal non o vemos solucionado. 

Programa (temas): quedaron en axustar as diferenzas de temas entre uns e outros. Especialmente en veterinarios, onde se dispara a cousa. Defendemos que substitúan os temas por normas de dereito ou que publiquen referencias normativas. De manter temas, que a EGAP elabore manuais ou polo menos referencias bibliográficas.

Biólogos/as e veterinarios/as seguirán o modelo de oposición e concurso da anterior convocatoria, engadindo fase de concurso en biólogos/as.

Defendimos que era absurdo un suposto práctico da parte xeral. Rexeitamos as probas de corrección subxectiva como é o caso do desenvolvemento de temas. En comparación cos primeiros borradores suprimiron os exercicios de temas e así quedan os primeiros exercicios:

A1-1º exercicio: 180 preguntas test. 1ª parte: cuestionario test de 50 preguntas (requirido un mínimo de 10 correctas); retiran o suposto práctico test; 2ª parte: 130 preguntas divididas nun cuestionario test de 100 preguntas e un suposto práctico test de 30 preguntas (requirido na 2ª parte 26 correctas). O tempo será de 200 minutos.

A2- 1º exame: 150 preguntas. 1ª parte: cuestionario test de 40 preguntas (requirido un mínimo de 8 correctas); retiran o suposto práctico test; 2ª parte: 110 preguntas divididas nun cuestionario test de 95 preguntas e un suposto práctico test de 15 preguntas (requirido na 2ª parte 22 correctas). O tempo será de 180 minutos.

O exercicio de galego volve a ser de tradución de textos, como antigamente. A CIG defende que o mellor xeito de acreditar o coñecemento da lingua galega é que o primeiro exercicio sexa exclusivamente en galego, e non faría falla un exercicio de galego. Ao manter a proba de galego, defendemos o cuestionario tipo test que tivemos nos dous últimos anos, pois permítenos conxugar a demostración de coñecementos coa obxectividade que conleva ser tipo test.

As prazas das diferentes especialidades da escala de servizos sociais eran antigas categorías de persoal laboral. E o Convenio Colectivo permitía a promoción dende calquera categoría/grupo. Puxemos como exemplo a situación do persoal auxiliar de clínica (grupo IV) que se molestou en sacar a titulación de enfermeiro/a (grupo II) e que agora non lles vai servir por promoción interna. A CIG reclama que en decembro se publique un novo decreto de oferta de emprego onde se modifique a oferta anterior que respete os dereitos recollidos en convenio, e se convoque un concurso de traslados previo. Función Pública, que conta co apoio de CCOO e UGT, non o vai facer.

Estes son os últimos borradores que temos (todos teñen que pasar primeiro por Mesa Xeral, e posteriormente por Comisión de Persoal)

Convocatorias persoal funcionario Convocatorias persoal laboral
Escala / Especialidade Prazas Borrador Categoría Prazas Borrador
Biólogo/a (A1) 32  MX 29/10/19      
Veterinario/a (A1) 67 MX 29/10/19 Veterinario (I-005) 47 (códigos) MX 05/11/19
Medicina (A1) 37 CP 05/11/19 Médico (I-002) 3 (códigos) MX 05/11/19
Psicoloxía (A1) 55 CP 05/11/19 Psicólogo (I-006) 8 (códigos) CP 05/11/19
Enfermería (A2)  69 CP 05/11/19      
Terapia ocupacional (A2) 48 CP 05/11/19 Terapeuta ocupacional (II-020) 2 (códigos) CP 05/11/19 
Traballo social (A2)  81 CP 05/11/19 Asistente social (II-017) 5 (códigos) CP 05/11/19
Educador (A2) 86 CP 05/11/19      
Fisioterapia (A2) 10 CP 05/11/19