A Lei Xeral da Seguridade Social, no seu art. 215.2 e na disposición transitoria 10ª establece os requisitos para o acceso do persoal laboral á xubilación parcial anticipada. Un destes requisitos é a necesaria celebración dun contrato de remuda cunha persoa desempregada para a substitución pola porcentaxe de traballo suxeita á xubilación.

A Xunta de Galiza, por boca do director xeral da Función Pública, veu manifestando a súa disposición para efectivizar o contrato de remuda para facilitar a xubilación parcial anticipada.

Esta actitude favorable mudou e a semana pasada manifestou o bloqueo ao negarse ao contrato de remuda. A súa alegación, é o encarecemento da cotización por canto aínda que o contrato a tempo parcial do remudista sexa polo 50% da xornada a tempo completo do xubilado, as cotizacións deberán ser cando menos polo 65% da base que tiña o xubilado/a; mentiras sobre mentiras, xa que este encarecemento é compensado polo aforro en abono de trienios ao xubilado.

A CIG levou ao pleno do comité intercentros do persoal laboral da xunta de Galiza, celebrado o 19/11/19, a necesidade de propoñer á Xunta de Galiza un Acordo regulador que, ao marxe de comprometer o contrato de remuda, tamén puidese establecerse un premio de xubilación; premio que xa estaba establecido tanto no convenio (suspendido pola Lei 1/2012 para os laborais), como no fondo de acción social para o persoal funcionario (tamén suspendido pola mesma Lei 1/2012).

A CSIF apoia a proposta da CIG en aras de recuperar dereitos. Sen embargo, CCOO e UGT volven a votar en contra de negociar un acordo, manifestando que esta é unha negociación que se leva en Madrid.

Que gran contradición. En xullo do 2019, CCOO, UGT, CIG e CSIF asinaron coa Universidade de Santiago un acordo para o acceso á xubilación parcial anticipada -aplicación estrita da Lei- máis un premio de xubilación de tres mensualidades de haberes.

Para rematar, lembramos que nos borradores do Acordo de concertación para o Emprego Público había referencias a iniciativas políticas encamiñadas a conquerir o dereito á xubilación parcial anticipada tanto para persoal laboral como funcionario. Pero no texto final que pactaron CCOO, UGT e Xunta, desapareceu toda referencia ao persoal funcionario.