E van xa máis de dez dende a última entrega desta roupa de traballo para o persoal do servizo público de defensa contra incendios forestais da Xunta de Galiza.

Daquelas, equipárase ao persoal de campo con chaqueta (chuvasqueiro e forro polar) e pantalón de alta calidade (tanto na impermeabilización como na transpiración das prendas). Estabamos aínda nos tempos do bipartito.

Máis de dez anos despois, a choiva e o frío nas épocas de outono e inverno seguen a ser as mesmas, o único que cambiou é que o persoal do SPIF que entrou nestes últimos dez anos non dispón da roupa, e os que o tiñan sufriron o inexorable paso do tempo.

Lembramos que traballamos nun servizo de por si considerado periférico, e que contamos cun plus de penosidade, ambos os factores, recoñecidos pola propia empresa, demostran que andamos ao aire libre sexa cal sexa a estación do ano, e sexan cales sexan as condicións climatolóxicas.

Como non nos cansaremos de repetir, dende o ano 2015, coa entrada en vigor da nova lei de protección civil, somos (o SPIF) un servizo de emerxencias a todos os efectos. Tamén dende o 2016 o persoal de extinción posúe a categoría profesional 5932 bombeiro/a forestal, sendo o apoio a continxencias no medio natural e rural unha das funcións encomendadas a este colectivo.

Falamos logo de actuacións en nevaradas, inundacións...ou mesmo en temporais como os que estamos pasando estes días. É inconcebíbel que para estas tarefas – por máis que dende a Dirección Xeral de Defensa do Monte- non queiran activar o que a propia lei marca, non se equipe ao persoal, dunha vez por todas cos materiais básicos necesarios para poder desenrolar coa maior profesionalidade as tarefas que por lei se nos encomendan.

Por iso dende a CIG esiximos que dunha vez por todas se equipe ao persoal do SPIF con imprescindíbel roupa de inverno.