A Xunta de Galiza ten contratadas como descontinuas (fixas e temporais) para o servizo de incendios (PLADIGA) a moito persoal. Por exemplo, hai 984 persoas con contrato de cinco meses ao ano e 627 con nove meses.

Si para ter dereito a cobrar prestación de desemprego fai falla traballar 12 meses para cobrar catro, de que viven os meses en que non traballan na Xunta?

No que seguro non lles deixan traballar ao persoal fixo descontinuo é no que saben facer, pois teñen prohibido facelo no sector público (concellos ou empresas públicas como Seaga ou Tracsa), pois a Xunta está a denegar a compatibilidade.

Ante este problema que teñen nos períodos de inactividade, a CIG considera que a Xunta non debe afondar no maltrato ao seu persoal fixo descontinuo. Non é aceptable obrigar a sobrevivir cun contrato que ten en moitas ocasións xornada igual ou inferior á media e sen chegar ao salario mínimo interprofesional en cómputo anual. Así, converten na práctica ao persoal que ocupa postos fixos descontinuos da Xunta a ser empregados públicos escravos e condeados a precariedade.

Na CIG consideramos que esta interpretación torticeira da normativa de incompatibilidade da Xunta serve para perpetuar a estes traballadores e traballadoras nesta situación, e para vulnerar o seu dereito ao traballo e ao sostemento das súas familias dun xeito digno.

Por todo isto instamos na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos a que a Xunta rectifique e habilite normativamente a posibilidade de compatibilizar os períodos de inactividade do contrato (suspensión) con outra actividade retribuída. Asemade que se permita cautelarmente a compatibilidade das solicitudes mentres se tramita a nova norma para non perxudicar as persoas traballadoras.

Así, non pechamos ningunha vía e dende a CIG instamos á Xunta a que defenda ao seu persoal. Seguimos a loitar para poñer freo a toda a perda de dereitos e á perpetuación de medidas gravosas para os traballadores e traballadoras.