Desde fai anos a CIG ven solicitando o concurso de traslados permanente tanto para corpos e escalas de Administración xeral e especial como para laborais. Un concurso permanente e aberto para todas as traballadoras e traballadores públicos da Xunta que garanta a cobertura máis inmediata e baixo demanda de postos públicos por criterios obxectivos e ademais non se producen desequilibrios organizativos na Administración autonómica ao andar saltando de posto a posto ao mesmo tempo centos de persoas.

O concurso permanente remataría coas comisións de servizo arbitrarias e os problemas que ocasiona no concurso de traslados xeral a valoración do tempo en comisión de servizo.

Agora, a Xunta vai por en marcha o expediente dixital do empregado público, que permitirá a xestión electrónica de todos os procesos vinculados á carreira profesional dos profesionais da Administración autonómica. Con este obxectivo, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de licitar a adaptación, evolución, implantación e soporte da plataforma FIDES, o sistema que se está a empregar no SERGAS para xestión dos recursos humanos do ámbito sanitario.

Despois de moitos anos e diñeiro gastado en desenvolver aplicacións para a xestión do persoal da Xunta, os responsables danse conta que todo o que teñen non vale para nada e deciden tiralo ao lixo.

Esta licitación suporá un orzamento de 735.467,04€, pero seguro que posteriormente sairán novos contratos que aumentarán o custo final. Supón a implantación do sistema FIDES como sistema transversal e a súa adaptación para substituír as aplicacións de xestión de recursos humanos da Xunta de Galicia existentes, entre elas: portal do profesional, o expediente electrónico, o sistema de cálculo de baremos, sistema de publicacións, sistema de notificacións e avisos, sistema de xestión da carreira profesional, sistema de xestión de concursos de traslados, sistema de xestión de listas de contratación, sistema de xestión de procesos selectivos e o rexistro de actividade e xestión de cargas de traballo.

A boa nova é que o prego de condicións técnicas inclúe a adaptación do sistema para permitir a xestión de concursos continuos ou permanentes, é dicir, en lugar de realizar concursos periódicos permitir a opción dunha xestión dinámica de oferta de postos vacantes. A mala nova é que o proceso de implantación será de dous anos desde a formalización do contrato, así que se todo vai ben e no mellor dos casos estamos falando de mediados do ano 2022.

Desde a CIG felicitamos a Función Pública e AMTEGA pola súa eficiencia e eficacia en implantar o concurso permanente despois de anos de reivindicación.