Polas escolas infantís do Consorcio e da Consellería de Política Social estiveron a pasar fotógrafos profesionais no pasado mes de decembro, para facer fotos (previa autorización das familias) de cada unha das crianzas matriculadas en todos os centros do País. O traballo foi feito sen ter en consideración as necesidades das meniñas e meniños e interrumpindo o seu ritmo diario.

Segundo a consellería, o obxecto das fotos era agasallar ás familias cunha felicitación do Nadal. Pero ese agasallo non viña só: viña acompañado dunha carta do señor Feijoo a a cada familia.

Aos centros de traballo chegaron indicacións precisas para que as traballadoras e traballadores ensobraran as fotos e maila carta, facendo así que o persoal fixese de axente de propaganda.

Mentres os centros de traballo non contan cos materiais necesarios (xoguetes, contos, etc.) cos estándares de calidade pedagóxica actualizada; teñen eivas graves nas instalacións, incluso de seguridade para crianzas e traballadores, e non se cubre ao persoal nas súas ausencias para cadrar a fin do exercicio, a Consellaría aposta por facer campaña electoral para perpetuarse na desfeita.

Diñeiro público para intereses partidistas.