En breve comenzan as obras de mellora da eficiencia enerxética no Edificio Administrativo Xunta de Galicia da Avda. da Habana, 79 de Ourense.

Estas obras consisten na instalación de luminarias con tecnoloxía LED, substitución da caldeira de calefacción existente e colocación de dobre ventá con vidros illantes en todo o edificio.

Na cidade de Ourense non existe un edificio administrativo único como no resto das provincias e cidades galegas, agora mesmo o que temos é un edificio administrativo “plural”.

Os servizos e dependencias da Xunta están espallados en máis de 20 centros administrativos por toda a cidade. Todos con moitas deficiencias e carencias: locais sen luz natural, problemas de climatización, falta de espazo, humidades, vertidos, síndrome de edificio enfermo, sen medidas de emerxencia, con problemas de radon...

Ourense é a única capital de provincia de Galicia sen un edificio administrativo único que centralice os servizos.

Na avaliación de riscos realizada no ano 2019 da Xefatura territorial de Sanidade atopamos graves problemas pola deficiente iluminación dos postos de traballo e tamén problemas de frío/calor pola ausencia de un illamento correcto das ventás. Igualmente pasou no edificio de Villaamil y Castro no que se atopan traballadores da consellería do medio rural e do ISSGA.

Desde a CIG acabamos de solicitar que fagan melloras da eficiencia enerxética en todos os centros de traballo da Xunta de Galicia no concello de Ourense.