No DOG núm. 28  do martes, 11 de febreiro de 2020 publícase o “DECRETO 12/2020, do 10 de febreiro, de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións.” No mesmo DOG publícase o “DECRETO 14/2020, do 10 de febreiro, polo que se fixan as gratificacións e indemnizacións que percibirán os membros da Administración electoral en Galicia e o persoal ao seu servizo, os/as xuíces/zas de primeira instancia ou de paz, representantes da Administración da Comunidade Autónoma nas mesas electorais, así como o persoal da Xunta de Galicia, co gallo das eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020.”

Nestas eleccións autonómicas, ao igual que nas do ano 2012 e do ano 2016, a Xunta vai organizar o dispositivo de desenvolvemento da xornada electoral do día 5 de abril maioritariamente con empregadas e empregados públicos cando tiña a posibilidade de chamar a persoas desempregadas a través das oficinas de emprego.

Nas convocatorias anteriores todo o proceso selección de persoal revestiu de escurantismo e falta de publicidade: nalgunha consellería en servizos centrais mandaron correos ao persoal; nas delegacións territoriais, cada unha fixo á súa maneira, nalgunhas dándolle algo de difusión, noutras chamando directamente a persoas “amigas”. A maior parte do persoal da Xunta non foi informado da posibilidade de participar nestas tarefas.

Desde a CIG acabamos de solicitar que a selección de persoal colaborador se faga entre as persoas en situación de desemprego, usando criterios obxectivos (cargas familiares, renda, antigüidade como desempregado) e se lle dea a publicidade adecuada.