Mentres Feijoo se congratula nos últimos días con notas de prensa fardando de subas salariais. A realidade para as traballadoras da Xunta é ben distinta. Estes incrementos retributivos non se lle aplican se están en IT ou de baixa por maternidade. Está situación agrávase para persoal de Consorcio, pois a perda podería chegar a ser do 20% nalgúns casos.

Esta é a política de Feijoo para aumentar a natalidade: roubarlle os atrasos dos incrementos retributivos ás traballadoras.

Estase a producir un grave prexuízo ás traballadoras que se atopan na situación de licenzas por enfermidade ou incapacidade temporal e as que se atopen en situación de permiso por parto, nacemento, acollemento ou adopción dun fillo. Nestes casos os incrementos retributivos durante a baixa (trienios, acordos retributivos, carreira profesional ..) non repercuten na nómina. É dicir, que as retribucións en Incapacidade quedan conxeladas ao instante inicial da baixa.

Así, para unha traballadora que iniciase unha IT en decembro de 2019 e se reincorporase ao seu posto en decembro de 2020 a perda retributiva supón:

  • No caso do persoal da Administración Xeral unha perda entre 382,2 euros aos 822,3 euros.
  • No caso do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar neste ano 2020 debería aplicarse a anualidade correspondente ao acordo asinado en 2017 para a equiparación coas condicións retributivas do persoal laboral da Xunta de Galiza, así que implicaría un perda salarial anual de entre 812,9 e 1.268,8 euros.

En resumo, todas estas empregadas públicas deixan de percibir estes incrementos ademáis do 2% derivado do establecido na normativa básica como suba para o 2020.

A sentenza STSJ GAL 8025/2016 do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza recoñece o dereito das traballadoras en Incapacidade temporal a percibir as as cantidades atrasadas correspondentes aos incrementos retributivos producidos durante o período de IT. Así o recoñece tamén a sentenza STSJ CL 1554/2019 do Tribunal Superior de Xustiza.

A pesares disto, a Xunta de Galiza non está a abonar as cantidades atrasadas correspondentes a estes incrementos retributivos.

Desde a CIG acabamos de solicitar a Xunta que cumpla as sentenzas do tribunais e pague de oficio os atrasos das subas retributivas tal e como xa levamos solicitando dende hai tempo.

Feijoo deixa de roubarlle o pan ás crianzas das traballadoras da Xunta!