Na xuntanza que tivo lugar o 11 de febreiro coa Dirección Xeral de Defensa do Monte e a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural (xuntanza á que non acudiron nin CCOO nin UXT) comunicóusenos que o persoal fixo descontinuo de 6 meses do SPDCIF comezaría o seu período de traballo nalgún momento entre finais de marzo e finais de abril dun xeito escalonado, traballando 6 meses consecutivos independentemente da data de entrada. Todo isto sempre e cando as condicións metereolóxicas e a carga incendiaria o permitan. Asemade, que o persoal fixo descontinuo de 9 meses comezaría o 1 de marzo.

A postura da CIG a este respeito foi a mesma de sempre. Entendemos, e así o manifestamos na xuntanza, que a temporalidade mínima de todo o persoal do SPDCIF ten que ser de 9 meses, xa que é a única opción que garante a estabilidade e saída da precariedade laboral e o pleno desenrolo de todas as capacidades do servizo de incendios, coma un servizo de prevención estratéxica e de emerxencias. Asemade, é a temporalidade mínima para o persoal fixo descontinuo do servizo de incendios, recollida no V Convenio Colectivo do Persoal Laboral da Xunta de Galicia, e facilitaría a implantación axeitada de todos os dereitos recollidos neste (tanto os vixentes coma os suspendidos) e un plan de formación axeitado para todo o persoal.

Por parte da CIG deixamos constancia de que a entrada escalonada do persoal de 6 meses podería acarrear problemas e complicacións (por nós que non quede).

No tocante á entrada do persoal fixo descontinuo de 9 meses, dicir que estamos dacordo en que a entrada en datas anteriores ao 1 de marzo podería supoñer certos problemas. Así o manifestamos e a Consellería ao final vai respetar o acordo verbal que existía de preaviso de 15 días para este persoal, polo que a data de inicio será do 1 de marzo.

Así pois, na CIG seguiremos a loitar pola estabilidade e a saída da precariedade de todo o persoal e polo verdadeiro aproveitamento de todas as capacidades do SPDCIF.