No DOG do venres 21 de febreiro de 2020 publícase a convocatoria de actividades formativas que compoñen o Plan formativo ofimático de Galiza para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galiza, da Administración de xustiza, das entidades locais e de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galiza (SUG). Convócanse 2000 prazas en accións formativas impartidas na modalidade de teleformación integradas no Plan formativo ofimático de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes será de oito días a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

O número máximo de actividades formativas que se poden solicitar limítase a tres.

O certificado expedido pola EGAP que acredite a superación das actividades formativas deste plan permitirá obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática.

A oferta comprende diversos cursos de bases de datos, follas de cálculo, procesadores de textos e presentacións de LibreOffice e Microsoft Office; internet/intranet e correo electrónico en GNU/Linux e Windows 10. A modalidade de todos eles é teleformación.