A CIG recolle as queixas dos empregados públicos de Ferrol e entende que non é xusto que os cursos presenciais, entre os que se encontran moitos que son esenciais, non se convoquen en Ferrol, cando é así noutras zonas.

A modo de exemplo, no edificio administrativo de Ferrol hai persoal encargado de tarefas que corresponden cos contidos de determinados cursos, e están moi molestos, síntense discriminados con respecto a compañeiros que traballan noutros centros, que o teñen máis fácil para acceder á formación:

Curso FC20017 "Oficina de atención á cidadanía en materia de rexistro", que teñen previsto realizar de forma presencial, de 9 a 14 h. en todos os edificios administrativos da Xunta de Galicia, agás no de Ferrol.

Os funcionarios e funcionarias que realizan atención ao cidadán e á vez teñen asignada a función de rexistro auxiliar, polo tanto, traballan con todos os programas que se van tratar no dito curso, deste xeito non teñen a mesma oportunidade de recibir a formación.

Hai que lembrar que o acceso dos empregados públicos á formación é clave para que poidan desempeñar as súas funcións nun contexto dixital. Se a EGAP tomase en serio a formulación da súa directora, segundo a cal "e moi importante a formación do persoal empregado público para poder afrontar os retos tecnolóxicos e normativos que está a supoñer a administración dixital" facilitaría aos funcionarios de Ferrol o acceso a dita formación exactamamente igual que ao resto dos funcionarios de Galicia.

Non é este o único caso, sorprenden outros, presenciais, que terán lugar unicamente en Santiago, en horario de traballo, que teñen como obxectivo a mellora da calidade de vida e medicina preventiva, con especial relevancia para traballos sedentarios:

  • FC20007 Coidado da saúde: actividade física e alimentación,21 e 22 de abril de 10.00 a 14.00 h e de 16.00 a 20.00 h, parcialmente en horario laboral 
  • FC20008 Exercicio físico saudable e estilos de vida activos, 24, 25 e 26 de marzo de 10.00 a 14.00 h, en horario laboral.
  • E pasa o mesmo cos cursos presenciais de idiomas.

Demandamos unha corrección do plano de formación da EGAP, incorporando a localidade de Ferrol ao conxunto de núcleos receptores de cursos de Formación presencial. Hai que ter en conta que a Xunta dispón das infraestruturas precisas para cumprir con esta demanda. Só sería a vontade para facelo.