Publícanse no DOG do 18 de febreiro, 20 bolsas de formación en arquivos para prestar servizos na consellería de Cultura e Turismo. Como outras bolsas anteriormente convocadas (Bibliotecas, Egap, Consumo) o risco das bolsas é converterse en man de obra barata para acometer tarefas técnicas de descrición e organización.

No que levamos de 2020 a Xunta xa se puxo mans á obra para sacar convocatorias de "bolsas de formación" como churros, unha fórmula barata e escravista para obter máis man de obra e poder tirar partido ás súas anchas da desesperación da xente máis nova que non atopa unha oferta de traballo digna neste mercado laboral escaso en oportunidades, e que como recompensa ao seu esforzo se topa con estas marabillas da pseudocontratación, que ademais da escasa remuneración, son incompatibles con calquera outra actividade remunerada.

As "bolsas de formación" convocadas pola Xunta, amais de ser gangas cun escaso gasto de Seguridade Social, son esixentes nos requisitos, onde o obxectivo se centra en recrutar persoas tituladas universitarias, con másters e/ou posgraos, e currículos e expedientes académicos brillantes, con experiencia previa en traballos de investigación e publicacións, para acabar desempeñando tarefas estruturais da propia Administración.

Semella que para algúns responsables da Xunta de Galiza as persoas tituladas galegas non teñen abonda formación con licenciaturas, graos, diplomaturas, DEA, másters, posgraos, doutoramentos etc., e que non son aptos para traballar, e por iso precisan seguir formándose per secula seculorum para adquirir habilidades que non deben ter cabida nun contrato de traballo ordinario...

Algúns dos organismos que seguen a publicar convocatorias, incluso despois de demandas xudiciais, é a EGAP, con bolsas de dereito administrativo ou avaliación da calidade. Hai que engadir tamén ao Instituto Galego de Consumo e da Competencia, con bolsas de consumo; ao Igape, que convoca bolsas de internacionalización; a Política Lingüística, cos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas; ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, con bolsas en distintos proxectos de investigación; ou á Fundación Galicia Europa, con bolsas sobre políticas e programas europeos, ou sobre I+D en colaboración coa Axencia Galega de Innovación. Dende a mesma Consellaría de Cultura e Turismo, tamén se convocan bolsas en materia de arquivos.

Dende a CIG seguimos a denunciar estas prácticas abusivas da Administración, que debería promover ofertas de emprego público todos os anos onde se recollesen un número mínimo de prazas de todas as especialidades, en lugar de seguir investindo na precariedade e perpetuándoa.