A CIG sempre esixiu que previa á funcionarización do persoal laboral fixo habería que negociar, necesariamente, as condicións do posto de traballo no que se funcionariza; condicións que xustifiquen o nivel do complemento específico do posto a funcionarizar e así considerar os posibles complementos de singularidade pola especial dedicación (quendas), dispoñibilidade, responsabilidade, perigosidade, penosidade, toxicidade, nocturnidade que pode ter o posto de traballo de persoal laboral.

Función Pública nunca quixo negociar as condicións do posto e sempre manifestou o mantemento das condicións retributivas vía complemento de funcionarización; deste xeito, os funcionarios interinos chamados para as vacantes ou substitucións non percibirían este complemento.

Agora que xa foi convocada a inscrición para o proceso selectivo de funcionarización, a Administración manifesta categoricamente que haberá negociación da RPT para establecer o nivel do complemento específico do posto a funcionarizar. Específico que comprenderá a especial singularidade do posto que se funcionariza. Deste xeito, o complemento de funcionarización quedará absorbido polo incremento do nivel do complemento específico.

Aínda así, o persoal laboral fixo vai a funcionarizarse co descoñecemento absoluto do nivel do posto do que vai ser nomeado funcionario/a de carreira, xa que aínda que a Administración fala de certa inmediatez, moito dubidamos de que sexa antes deste verán.

Excedencias

A respecto do persoal laboral fixo que ten aprobada/s outra/s categorías laborais e que se atopa nesta/s en excedencia por incompatibilidade ou que teñen unha categoría aprobada e se atopa ocupando un posto con carácter temporal ou aqueloutro que se atopa en situación de excedencia voluntaria, a Administración presenta unha solución de futuro como é a que todo o persoal laboral fixo nesta situación presente unha solicitude para participar nun futuro proceso de funcionarización a esas categorías nas que se atopa en situación de excedencia.

A Administración quere coñecer cantos postos de traballo ten que crear en OPE para considerar as excedencias e dar resposta ás posibles peticións de reincorporación por remate das excedencias antes da convococatoria dese proceso de funcionarización.