O xoves 27 asistimos a unha xuntanza con Sanidade, a solicitude de CIG, CCOO, CSIF e UGT para tratar sobre a necesaria constitución da Comisión de Seguimento do Acordo de Dispoñibilidade Horadia do persoal farmacéutico inspector. Pero en realidade a cousa centrouse na futura RPT de Sanidade.

O secretario xeral técnico e o director xeral de saúde pública informáronos de que están a preparar unha modificación da RPT que en grandes liñas consiste en incrementar o nivel do persoal funcionario inspector e do subinspector médico. Pero advirten que esto terá que ser a coste "0", e por tanto, amortizando postos.

A CIG advertiu que non vai aceptar ningunha amortización de postos necesarios. E entendemos por postos necesarios calquera ocupado por persoal funcionario de carreira ou interino. Aceptar o contrario implicaría a privatización de servizos públicos, algo ao que non estamos dispostos.

A previsión é que teñamos algún borrador máis ou menos aceptábel para poder traballar con el para despois de semana santa.

A maiores, a CIG insistiu na necesaria convocatoria da Comisión de Seguimento do acordo dos FISP, e reclamamos que se notifique ás Xuntas de Persoal calquera incidente que implique a dispoñibilidade horaria tal e como está pactado. A Comisión será convocada polo 12 de marzo.