Como levarías traballar as 24 horas do día, 7 días consecutivos e sen posibilidade de sair do centro de traballo? E se ademáis eres o único habitante nunha illa?

O persoal laboral e funcionario que presta servizo no Parque Nacional Illas Atlánticas de Galiza, realiza quendas de 24 horas ao día durante sete días consecutivos. A estas singulares condicións de traballo en extremo illamento e penosidade recoñecida (conceptos sen repercusión na nómina), engádese as situacións habituais de soidade durante días.

O delegado de prevención da CIG acudiu a unha xuntanza coa dirección do Parque o martes 10/03/2020, por mor do incumprimento do Plan de Acción elaborado (no 2016) polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais, e o requirimento da Inspección de Traballo (setembro 2019).

O 2 de xullo de 2018, a CIG denunciou perante a Inspeción as condicións de traballo deste persoal, facendo especial incidencia na situacións de soidade. O noso traballo tivo como froito a incorporación de máis persoal propio e a conseguinte reducción dos días en computo anual de exposición a este importante risco. Aida así, non aceptamos a situación actual e reivindicamos o cumprimento das medidas de emerxencia elaboradas pola mútua, que propoñen “establecer que nas quendas estean polo menos dúas persoas, nunca unha persoa” e que se atenda o requirimento da Inspección de Traballo "... a efectos de manter a lo menos dous traballadores na Illa”.

Na CIG consideramos que nas prioridades para a organización do traballo e elaboración das quendas anuais debe prevalecer como primeiro criterio evitar as situacións de soidade para o persoal funcionario e laboral, que xa de por sí, soporta unha situación de extremo illamento, penosidade e perigosidade inherentes ao posto. Condicións que, a día de hoxe, non foron negociadas nin exploradas para incorporar no prometido Acordo de Condicións de Traballo para o persoal de campo que presta servizo nas illas do Parque Nacional.

Entendemos que a prestación deste servizo público con presenza permanente nas illas de persoal propio con funcións de policía e custodia dos espazos e recursos naturais é unha obriga da Xunta de Galiza, inherente a declaración da conservación do único Parque Nacional da Galiza de interese xeral do estado.

Dende a CIG esiximos a Xunta de Galiza o cumprimento das medidas de emerxencia propostas no 2016 e fagan valer o requirimento da Inspección de Traballo, para que nunca haxa unha persoa soa nas illas. Asi mesmo reivindicamos a necesidade do inicio das negociacións dun Acordo de Condicións de Traballo e a incorporación do persoal necesario para cumprir coas súas obrigas, presenza continuada de persoal e respecto polos seus dereitos laborais básicos.