Bo día compañeira,

en resposta ao noso correo 1º de Maio: Protexamos a clase traballadora, non o capital. Por unha Galiza soberana e con futuro, sorprendida, pregúntasnos: "Non ao capital? En serio?".

Pois si compañeira, en serio, non ao capital. Como sabes o capital é unha relación social, iso dende o punto de vista económico e sociolóxico da teoría económica marxista clásica, pero é que ademais nestes tempos NON AO CAPITAL significa non á mercantilización de moitos dos ámbitos da vida social, como é o caso das residencias de maiores onde a privatización e mercantilización das mesmas, a introdución de criterios de economía de mercado e a maximización do beneficio conduciron ao exterminio dunha grande parte dos usuarios de residencias privadas onde se escatimaron medios e persoal.

Estas mortes son a moeda de cambio para que fondos de inversión de paraísos fiscais obtiveran beneficios, que como podes comprobar neste enlace controlan o sistema de residencias privadas no Estado Español.

E ademais como neoliberais canónicos que son, seguen a biblia dos emprendedores: vivir do Estado e das administracións públicas, que no caso de Galiza supuxo que vampirizaran no 2019 a esta administración da que somos parte, 65,7 millóns de euros só de xeito directo polo concerto de prazas. Isto sen contar o custo de enviarlles persoal funcionario e laboral da Xunta ao rescate das súas residencias, porque como sabes, compañeira, cando algo lle vai mal a un destes “emprendedores” ten que ser a administración pública a que corra cos custos do seu “emprendemento”.

Por iso dicimos, e ben forte, NON AO CAPITAL, porque non queremos que nin nós, nin as nosas fillas, nin os nosos maiores, sexan mercadorías coas que uns depravados fagan negocio, incluso co resultado de múltiples mortes.


Un cordial saúdo

As túas compañeiras da CIG