A Xunta de Galiza négase a convocar os comités de seguridade e saúde laboral e a facer as avaliacións de riscos laborais co risco biolóxico ao COVID 19 a pesar de que xa está a preparar a volta ao traballo dos servizos non esenciais. Co comezo da crise sanitaria polo COVID, e xa antes de que se decretara o estado de alarma, dende a CIG Autonómica solicitamos de xeito reiterado a convocatoria urxente dos comités de seguridade e saúde laboral na Xunta de Galiza para tratar as medidas preventivas ante o coronavirus. Estes órganos son os encargados de impulsar a saúde e seguridade no traballo e vixiar pola aplicacion da Lei de Prevencion de Riscos Laborais.

A Consellería de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza enviounos na  tarde de onte un Protocolo polo que se establece a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao COVID-19. Este documento foi enviado á prensa e anunciado polo Presidente da Xunta na Conferencia de presidentes antes de presentalo e moito menos negocialo coa representación do persoal. Trátase dun documento xeral que non ten en conta as especificidades de mais de 500 centros de traballo diferentes e 20.000 persoas empregadas públicas polo que é mais un documento de “desescalada” que non substitúe o traballo do Servizo de Prevención de Riscos Laborais nin ás avaliacións de riscos laborais co risco biolóxico ao COVID 19.

Tanto a chamada “desescalada” como a actividade preventiva ten que ser negociada e a día de hoxe as organización sindicais non tivemos nin a primeira negociación nin no marco dos comités de seguridade e saúde laboral nin na da Mesa Xeral de Empregados Públicos. No caso da Administración do Estado, por exemplo, xa houbo unha intensa negociacion onde se recolleron parte das demandas sindicais e que culminou coa sinatura dun acordo este mesmo luns. Unha actitude radicalmente diferente á da Xunta de Galiza. En conclusión, parece que a intención da Xunta co seu persoal é aforrar a actividade preventiva cun documento de 20 follas.

Para a CIG é prioridade aumentar ata límites máximos o teletraballo, que xa se demostrou que funciona, e o establecemento de medidas preventivas elaboradas por persoal técnico en prevención de riscos laborais dentro dun planeamento por centro e posto como sinala a Lei de prevención de Riscos Laborais e o propio Decreto 17/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Plan de prevención de riscos laborais na Administración xeral da Xunta de Galiza. Que seguridade van ter os/as inspectores/as de Saúde Pública e o persoal de campo?, como van traballar os/as bombeiros/as forestais ou cal vai ser a organización preventiva nunha oficina de emprego ou agraria comarcal, por exemplo? Ten que quedar definido.

A día de hoxe agás os centros sociais residenciais da Consellería de Política Social non hai ningún planeamento preventivo para protexer ao persoal perante o risco laboral que supón a infección do coronavirus dentro dunha avaliación de riscos laborais e que elaboraron a causa dos requirimentos da Inspección de Traballo.

Na CIG preguntámonos de novo se esta falla de interés o que está é a intentar amparar o ERTE  de Cualtis, que é o servizo de prevención alleo que ten encargadas estas funcións. A semana pasada presentamos un escrito á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza preguntando como estaba a afectar o ERTE ao traballo na prevención de riscos laborais e na vixilancia da saúde e aínda hoxe non tivemos resposta.