Nas próximas semanas está previsto que  comence a progresiva reincorporación presencial  de empregados públicos aos seus postos de traballo. O persoal do departamento provincial da AMTEGA en Ourense  está considerado como traballador de campo, dado que as súas funcións non son só administrativas. No seu traballo diario van presencialmente aos postos doutros empregados da Xunta para resolver incidencias técnicas.

Nestas intervencións acceden ao posto dos usuarios entrando en contacto co seu espazo de traballo e manipulando teclado, PCs, cables, monitores, impresoras.

A última Avaliación de Riscos dos traballos de campo da AMTEGA en Ourense é de xullo de 2017. Ante a emerxencia sanitaria do COVID-19 necesitan un protocolo específico para as intervencións técnicas e unha nova avaliación de riscos dos traballos de campo actualizada.

O persoal da AMTEGA en Ourense carece de medios de protección adecuados e suficientes para realizar as intervencións técnicas: luvas, mascarillas homologadas, xel hidroalcohólico, mamparas protectoras, etc.

Ademais no seu espazo de traballo actual non se gardan os 2 metros de distancia entre todos os postos de traballo.

Desde a CIG solicitamos a Xunta e a AMTEGA:

  1. Establecer un protocolo para as intervencións técnicas presenciais e realización dunha avaliación de riscos dos traballos de campo actualizada ao COVID-19
  2. Dotar ao persoal de AMTEGA dos medios de protección necesarios: mamparas protectoras, dispensadores de xel hidroalcohólico, EPIs (luvas e masacarillas homologadas), etc.
  3. Tomar as medidas organizativas necesarias para manter a distancia de seguridade entre os traballadores no centro de traballo.