Se onte comentamos que o acordo do Cecop do 5 de maio só mencionaba ao persoal administrativo e de limpeza dos centros de ensino e polo tanto os demais estaban eximidos de ir ao centro, hoxe mesmo, Educación emite unhas instrucións dando volta ao disposto.

A cuestión non é se o persoal debe incorporarse aos centros ou non, senón como vai ser a incorporación e con que garantías e criterios. Non pode ser que a dirección dun centro lle diga ao persoal que ten que facer determinadas horas de traballo presencial e que estableza un sistema de cita previa e que noutros centros baixo a mentalidade “presencialista” de moitos directores, o persoal estea por estar. E con isto nos referimos non só ao persoal subalterno senón tamén aos auxiliares e ao persoal de limpeza.

Na reunión da Xunta Autonómica de Directores varios directores presionaron á Consellería porque nas instrucións non se contemplaba a incorporación de todo o persoal non docente e a Consellería respostou que o venres no Consello da Xunta se podía decidir outra cousa. Non se decidiu, pero Educación si o fixo e deixa a incorporación ao criterio das direccións. Agora inclúen ao persoal subalterno.