O sindicato denuncia o incumprimento da lexislación en prevención de riscos laborais, ao non se ter negociado coa representación sindical e ao se tratar dun documento sen rango normativo que dificulta a xestión e non garante a saúde laboral.

Logo de que a CIG contactara en numerosas ocasións coa Consellería, e ante a nula vontade negociadora do departamento educativo da Xunta, o sindicato presentou denuncia en materia de prevención de riscos laborais contra a Consellaría de Educación, coincidindo coa incorporación aos centros educativos de máis persoal a partir do luns 11 de maio, para poder atender a fase final do prazo de admisión en centros escolares.

Para a CIG a decisión da Consellaría de programar a apertura dos centros escolares é inaceptábel por:

  • Non negociar esta reapertura, como é preceptivo en cumprimento da Lei de Prevención de Riscos.

  • Non se trata dun documento normativo, senón dunhas recomendacións e malia iso recollen que se aplicarán as indicacións que figuran nunha guía de actuación preventiva ante o coronavirus no ámbito da Administración Xeral da Comunidade, publicada no DOG do 17 de abril, e que exclúe expresamente o persoal dos centros educativos.

  • Dificulta a xestión das posíbeis dispensas de asistencia aos postos de traballo para o persoal que forme parte dun grupo vulnerábel, xa que indican que a dirección do centro emitirá un informe previo para acreditar a imposibilidade de realizar a adaptación do posto de traballo ou a dotación das proteccións necesarias.

  • É dilatar no tempo e burocratizar o procedemento ordinario consistente en que a persoa que se considere vulnerábel faga unha solicitude, ao servizo de prevención, que a exima de incorporarse ao posto de traballo.

  • Non ten en conta a adaptación do posto mediante flexibilización ou teletraballo, este último se é posible para compatibilizar no caso do persoal con fillos ou fillas menores e maiores dependentes a cargo.

A CIG non comparte a decisión de que se produza a incorporación do persoal se non existen todas as garantías, con independencia tanto das formas da negociación como do fondo do documento, si existe un protocolo publicado no DOG para a incorporación das traballadoras e traballadores e no cal se fixa un período dunha semana para unhas actuacións preliminares que comezaron precisamente o mesmo luns día 11, durante a cal se realizará unha análise das necesidades de adaptación dos postos de traballo.

Educación nin negociou nada, nin publicou ningún texto normativo oficial, nin programou o estudo das necesidades con antelación á incorporación de máis persoal.

A CIG alerta da necesidade de extremar as medidas de distanciamento e protección e denunciar calquera incumprimento en materia de saúde laboral, ao tempo que chama ás familias a que procuren usar a sede electrónica para formalizar a solicitude de admisión, facendo excepcional o desprazamento aos centros e procurando contactar antes para programar a visita ao centro, xa que a Xunta non fixou como obrigatoria a cita previa.