A CIG ven de poñerse en contacto coas outras organizacións sindicais para instar a reunión urxente da comisión de seguimento do acordo do protocolo de reincorporación e o grupo de traballo sobre o teletraballo, para avaliar a fase preliminar, estudar a ampliación temporal e a outros colectivos do teletraballo.

A comisión de seguimento é un instrumento de traballo para a mellora do protocolo, e este debe ser un documento vivo e aberto a cambios. Cremos que a comisión debe ter carácter permanente e a primeira xuntanza ten que realizarse esta semana.

Hai varias cuestións que deben ser tratadas:

1. Teletraballo: ampliar o seu prazo e o seu ámbito subxectivo

Por seguridade a presenza nos centros debe ser mínima, polo que dende a CIG cremos que se debe incentivar o teletraballo e amplialo a máis alá da terceira fase. Isto pode facerse ou ben aumentando o prazo de incorporación da terceira fase ou simplemente ampliando o teletraballo. A normativa do Estado é clara: propón que o teletraballo se prorrogue ata tres meses despois do estado de alarma, (Real Decreto-lei 15/2020) polo que antes de entrar na fase 3 este asunto debe quedar resolto.

Esta medida debe contemplarse independentemente do carácter de permanencia que consideramos que debe ter esta opción e que será obxecto de análise no grupo de traballo para o teletraballo.

2. Estudo e análise dos traballos de adaptación da fase preliminar

A maiores dos asuntos de contido que levaremos a esta comisión de seguimento, consideramos que a mesma debe reunirse para que se dea conta e avaliar como van os traballos da fase preliminar de adaptación dos postos de traballo.

3. Avaliacións de riscos laborais ao COVID19 dos centros de traballo e postos con tarefas de campo e convocatoria dos comités de seguridade e saúde laboral

É moi importante que os centros se analicen dende outro punto de vista, como no caso da ventilación, poñendo énfase no control dos sistemas de ventilación forzada e correntes de ar, as sinalizacións, a formación do persoal en materia de prevención ao COVID19 ou o aforo dos locais.

4. Centros dependentes da Consellería de Educación

A Xunta debe obrigar á Consellería de Educación á negociar un protocolo de reincorporación acaído ás circunstancias destes centros para manter sistemas de teletraballo ou de flexibilidade horaria compatible coa prestación do servizo, pero que permita exercer os dereitos de conciliación, de entrada durante esta crise, pero con vocación de futuro.

Así, ao igual que fixeron outras consellerías co persoal con funcións “especiais” (como bombeiros forestais, ou persoal de Cultura), esiximos á Xunta que obrigue á Consellería de Educación a negociar inmediatamente un protocolo axeitado ás especificacións laborais de dito persoal.

Independentemente da necesidade dunha avaliación específica ao COVID19 nestes centros hai que ter en conta as súas especiais características (número de alumnado, espazos comúns, conformación de aulas, disposición da secretaria e lugar e medios de traballo do persoal subalterno, protocolos e medios para persoal de limpeza, etc).

5. Flexibilidade e conciliación no caso do persoal con fillos/as menores e maiores a cargo

Todo o persoal con menores e maiores a cargo verá aumentado o seu período de teletraballo máis alá da terceira fase ata que a actual situación sanitaria permita abrir os centros de ensino, garderías e centros de día.

Ademais, no caso de non ter capacidade de teletraballo, e seguindo o protocolo aprobado, haberá que buscar outras fórmulas para que se poida prestar ese servizo e desenvolver as tarefas asignadas de xeito non presencial, como despacho ordinario de asuntos dende o domicilio, tal e como se recolle no punto 3 do protocolo. No caso de persoal convivinte con persoas de risco esta modelo equivalente ao teletraballo é esencial.

O fin último é buscar unhas ferramentas de flexibilidade laboral (teletraballo) que nos permitan conciliar a seguranza sanitaria, a atención familiar e a continuidade ordinaria dos servizos administrativos na Xunta de Galiza.

Consideramos que urxe poñerse xa a traballar neste asunto sen dilación.