O día 5 de marzo 2020 solicitamos a reunión urxente do Comité de Seguridade e Saúde Laboral do Edificio Adminsitrativo do Ourense. A día de hoxe esta reunión non se chegou a producir.

O próximo 18 de maio comenza a primeira das tres fases que inclúe o Protocolo de incorporación gradual do persoal empregado público. Rematadas as actuacións preliminares de identificación do protocolo e antes da reincorporación do persoal, é necesario coñecer as avaliacións de riscos realizadas e as medidas previstas. Tamén é necesaria unha reunión urxente do Comité de Seguridade e Saúde Laboral do Edificio Administrativo de Ourense no que se teñan en conta novas medidas organizativas.

No Edificio Administrativo de Ourense prestan servizos máis de 300 traballadores. Para protexer a saúde dos empregados públicos, hai que evitar que circulen polo edificio, usando ascensores, escaleiras e espazos comúns, persoas que non prestan servizos no edificio. Solicitamos que se teñan en conta, a maiores doutras xa propostas anteriormente, as seguintes medidas:

  • Traslado da actividade de formación e probas da EGAP que se realiza na aula do 7º andar. Esta aula non reúne os requisitos de seguridade.
  • Evitar o acceso as dependencias do edificio a interesados obrigados a relacionarse por medios electrónicos coa administración.
  • Hai que trasladar o Punto de Acreditación Dixital (PAD), que está na Delegación da Amtega en Ourense, no 6º andar  do Edificio administrativo, a outra localización (xa pedimos por escrito o día 8 de maio de 2020 e seguimos sen reposta).

Desde a CIG solicitamos a Xunta que nos remitan copia das avaliacións de riscos realizadas para a reincorporación do persoal que presta servizos no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Ourense e que na maior brevidade posíbel sexa convocada unha xunta do Comité de Seguridade e Saúde do Edificio Administrativo de Ourense para acordar a implantación inmediata de medidas de prevención de riscos perante a infección do COVID -19.