A CIG leva días instando á Consellería de Educación a que se sente a negociar a reincorporación do seu persoal non docente.

Non están dispostos a facelo, nin despois da denuncia presentada pola CIG en inspección de traballo por incumprir a lexislación en prevención de riscos laborais pola incorporación de parte do persoal este pasado luns 11 de maio.

Educación nin negociou nada, nin publicou ningún texto normativo oficial, nin programou o estudo das necesidades con antelación á incorporación de máis persoal.

A conselleira de educación está esperando a que o Goberno do Estado lle faga o traballo....

Para a CIG Autonómica é necesaria a apertura dunha mesa de negociación real. Non podemos quedarnos cunhas “Recomendacións sanitarias a establecer nos centros educativos”, e menos aínda cando o vindeiro 25 de maio haberá alumnos nos centros de ensino.

Por todo isto, a CIG Autonómica acaba de achegarlle á Consellería de Educación unha serie de consideracións e propostas preventivas ao COVID19 ante a incorporación e traballo nos centros educativos para o persoal non docente. Estas propostas inclúen aspectos xerais pero tamén entramos polo miúdo a valorar todo aquelo que o noso persoal pode necesitar para protexer a súa saúde.

Estas achegas non pretenden substituír ás avaliacións de riscos laborais ao COVID19 que se deben facer en cada centro de traballo dependendo das súas especiais características.

Para a CIG é esencial facer unha avaliación individual coas ferramentas xa reguladas que, apoiadas co Servizo de Prevención de Riscos Laborais e coa participación da representación do persoal e dos Comités de Seguridade e Saúde Laboral, aseguren a incorporación co mínimo risco posible.

Descarga o Escrito da CIG con achegas para un protocolo de reincorporación ante o silenzo de Educación