Consecuencia da denuncia da CIG, a Inspección de Traballo da provincia de Pontevedra emitiu un requirimiento dirixido á Consellería do Medio Rural no que se recolle a súa praxe incorrecta sobor do procedemento de recoñecemento do persoal especialmente sensible

Neste  requirimento establécese que, no tocante ao recoñecemento do persoal especialmente sensible, a Consellería do Medio Rural deberá axustar a súa actuación ao indicado no PROCEDEMENTO DE ACTUACIÓN PARA OS SERVIZOS DE PREVENCIÓN DE RISCO LABORAIS FRENTE Á EXPOSICIÓN AO SARS-CoV-2 (documento do Ministerio de Sanidade), xa que os pasos determinados na  guía da Xunta de Galiza para determinar a especial sensibilidade dos traballadores e traballadoras dilata no tempo o procedemento e podería poñer en perigo ao persoal que durante a tramitación debe incorporase ao posto.

Ao ter que axustar o procedemento ao establecido no protocolo do Ministerio de Sanidade, o servizo sanitario do SPRL sería o único competente para avaliar a presenza de persoal traballador especialmente sensible en relación á infección de coronavirus SARS‐ CoV‐2, establecer a natureza de especial sensibilidade da persoa traballadora e emitir informe sobre as medidas de prevención, adaptación e protección. Porén, esa avaliación será a única actividade técnica que poderá servir de base para tomar as decisións preventivas adaptadas a cada caso.

Por iso, na xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Medio Rural, a CIG solicitou que se cumpra co requirido pola Inspección de Traballo e tamén que o persoal vulnerable non se incorpore ao traballo presencial ata que a súa solicitude se resolva. Medio Rural respostou que levará ao CECOP a aplicación nesta Consellería do protocolo do Ministerio de Sanidade (solicitude do traballador/a directamente ao Servizo de Prevención de riscos que será quen resolva).