A Consellería de Educación obrigou a unha boa parte do seu persoal a incorporarse ao seu posto de traballo o pasado 11 de maio. Facíao ás presas e correndo, porque quería abrir o prazo de matrícula seguindo a estratexia do PP de aparentar normalidade polos seus intereses eleitorais.

Inmediatemente a CIG presentou denuncia ante a Inspección de Traballo e Seguridade Social polo incumprimento por parte da consellería da lexislación en prevención de riscos laborais e a falta de negociación coa representación sindical xa que as únicas directrices que facilitou foron unhas simples “Recomendacións sanitarias a establecer nos centros educativos”, sen implementar medidas de seguridade para persoal e usuarios.

Ante o requirimento da inspectora para que acreditara documentalmente as actuacións, esta consellería enviou (fora de prazo) como medidas preventinas unicamente un “pequeno informe e un documento xenérico de recomendacións sanitarias nos establecementos educativos” volvendo a mostrar a sua prepotencia e total despreocupación.

Despois de examinar a documentación aportada pola consellería, a Inspección considerou que esta non cumpriu co seu deber de protección e información ao persoal.

Para tratar de arranxalo a consellería convocou para o pasado mércores 20 a Mesa Sectorial de Ensino, para negociar un protocolo de reincorporación onde so está representado o persoal docente. Non convocou á representación do persoal non docente, que  sigue sendo desprezado.

Dende a CIG-Autonómica achegamos un documento cunha serie de consideracións e propostas preventivas ao COVID19 e solicitámoslles que convocaran á representación do persoal non docente ou ben tratalo no marco da Mesa Xeral de Empregados Públicos. Porén, a día de hoxe seguimos sen novas da consellería de educacion. Está claro que o persoal laboral, auxiliar administrativo e subalterno non lle importa o máis mínimo.

Educación non informou nin negociou coa representación legal do persoal laboral e funcionario de administración con destino nos centros de ensino, polo que CIG-Autonómica decidirá as medidas a tomar.