O día 20 celebramos por vídeoconferencia a reunión extraordinaria do CSSL do edificio administrativo de Pontevedra.

Despois dunha rolda de intervencións na que analizamos todo o feito e o que queda por facer, as conclusións finais foron:

  • Revisar a sinaléptica que se colocou, e ademais dado que o BOE publica hoxe a obrigatoriedade do uso de mascarilla, colocar tamén esta obriga.
  • Ampliar sinalización en zonas comúns e reorganizar o uso das escaleiras de subida e baixada, deixando as laterais para as plantas da 1ª á 3ª, e as centrais a compartir entre os administrados e o persoal do edificio, para as plantas da 4ª á 9ª. Neste momento as centrais estaban só de subida e as laterais de baixada.
  • Colocar expendedores de hidroxel nos dous andares do garaxe na entrada aos ascensores para que os traballadores que accedan desde o garaxe poidan utilizalo.
  • Dirixirnos ás distintas xefaturas territoriais, que son as responsábeis de poñer todos os medios, para que os poñan dunha vez, porque ata o de agora o criterio que seguiron algunhas foi poñer as condicións de traballo que sinala o protocolo nesta fase so para o persoal que se incorporou o luns.
  • Crear unha comisión de seguimento das medidas a implementar, na que estaremos dúas representantes da CIG e o representante do CSIF.
  • Faremos un informe semanal de como van transcorrendo as cousas, e celebraremos nova reunión do comité en xuño que xa estaremos na seguinte fase.

Desde a CIG pedimos ademais formación para o persoal. A resposta foi que todo o mundo recibiu o protocolo aprobado polas centrais sindicais no seu correo corporativo. Iso non é suficiente e insistimos na necesidade de formación e esperamos que ao final se faga algo ao respecto.

Dicir tamén que ante a petición de realizar unha avaliación de riscos polo COVID19, o xefe de servizo de prevención de riscos en Compostela que tamén asistiu como asesor a este comité, informou de que xa está feita unha avaliación de riscos por COVID19 para oficinas e despachos e que a faría chegar a súa Secretaría Xeral Técnica, que será a que a pase ás distintas secretarías xerais.