Algo que quedou claro durante estes meses de pandemia é que o persoal ao servizo das Administracións Públicas é imprescindible para o funcionamento do estado do benestar e para garantir a cualidade de vida da cidadanía (cando non a propia vida). Ainda que hai máis persoal que se deixou o pelexo, puidémolo ver especialmente nos centros sanitarios e de servizos sociais. 

Porén, a Xunta de Galiza estanos a demostrar que para eles este persoal é de usar e tirar. Xa cumpriron a súa misión, así que agora toca desfacerse dos excesos de carga.

Segundo un estudo da Universidade Complutense de Madrid, o 79.5% do persoal sanitario presenta síntomas de ansiedade, o 51% síntomas depresivos, o 40% séntense emocionalmente esgotados ou con síndrome de burnout e o 53% presentan valores compatibles con estrés postraumático. 

Estes datos, veñen a demostrar que somos o resto da sociedade quenes agora temos que poñer da nosa parte para que este pesadelo remate o máis axiña posible. Na CIG entendemos que unha boa forma de facelo é abrir as Residencias do Tempo Libre de O Carballiño e Panxón, e dar a posibilidade de que todo o persoal que participou en primeira liña durante a crise sanitaria teña a oportunidade de pasar un período de vacacións xunto coa súa familia nuns entornos axeitados. A CIG insta a Xunta de Galiza, a través da Consellería de Política Social, a abrir de xeito inmediato as Residencias do Tempo libre e facer unhas quendas de vacacións coa preferencia absoluta para o persoal que loitou contra a pandemia do COVID-19.